InicioCULTURACorrea Corredoira: “Fago un chamamento á refundación da Luís Seoane”

Correa Corredoira: “Fago un chamamento á refundación da Luís Seoane”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Con afán “positivo” e “propositivo”, e coa libertade de ser unha “persoa maior e rica”, Tono Correa Corredoira quere facer “un chamamento á Concellería de Cultura e á alcaldesa da Coruña para afrontar unha necesaria refundación da Fundación Luís Seoane”. O pintor herculino lanza esta idea ás preguntas do Xornal da Coruña tralo polémico concurso de contratación “directora substituta”, que xa denunciaba Ángel Calvo Ulloa.

”Porque sei que hai xente boa no Concello, e porque a cidade non se merece isto, non se merece este Padroado debilitado, inerme”. “Non o digo de forma destrutiva. Ata aquí chegamos, pois a partir de agora refagamos unha reforma de estatutos, unha renovación do Padroado”, reflexiona pola deriva da entidade.

Lembra que “Luís Seoane foi o primeiro pintor moderno da historia de Galicia, unha persoa humanista, aberta, un home grande, xenerosa, de esquerdas, que eu penso que non merece tanta mediocridade desta Fundación que sofre da agonía e desleixo. É un momento triste, porque nin Luís Seoane nin a Coruña merece isto”.

Recoñece que hai tempo que non pasa poa Fundación “porque me poño enfermo” (“se por fóra xa dá pena, por dentro é un lugar sinistro, sempre apagado”) e que se sinte ”moi preocupado porque a Fundación Luís Seoane está chamada ser dende a súa Fundación o referente do arte actual na cidade. Hai que darse conta que a Coruña carece doutro centro de arte contemporáneo, nunca o tivo. Houbo un proxecto de Museo no que agora é a Casa das Ciencias. O Kiosko Alfonso non pasa de ser unha sala de exposición. O Museo de Belas Artes está moi xustiño, e ademais non compra, vive das doazóns. Houbo un tempo que tivemos o MACUF, que si que facían exposicións, pero estaban en mans privadas e non lles interesou seguir coa cultura”, repasa. “É necesario que sexa un referente para a cidade”.

Pero lamenta que “Coruña está a velas vir, respecto á arte contemporánea. Non temos referente; en Compostela está o CGAC; en Vigo o Marco e ata en Ferrol o Centro Torrente Ballester que funciona co máis empaque que esta Fundación”.

”A Fundación ten que espertar”

”A Fundación ten que espertar. Ten que facer unha renovación profunda. Co investimento que ten, porque cartos, hai, non se pode ter o edificio despintado, por favor… Non fai falta máis que ver o estado exterior, con pintadas…”, reflexiona mesmo afectado.

E iso que a el nin lle vai nin lle vén. “A min non me interesa facer máis alí, non quero nada, o que quero é pola Coruña, porque é unha cidade na que me formei, me fixen, aínda que pase temporadas en Cádiz e viva en Oza dos Ríos, teño o berce do meu corazón na Coruña, unha cidade aberta, con moita luz como o seu faro. Por iso son sincero, e penso que o Padroado ten moita culpa do que está pasando, polo menos a responsabilidade”.

Con todo, ten esperanza. “Penso que a Concellería de Cultura quere facer cousas, creo que hai xente boa que ten vontade de facer cousas positivas pola cultura na cidade, mesmo acompañando. Se se poñen as fan, que ata me fixeron chorar na homenaxe a Francisco Miguel. Pero é que o Concello ten responsabilidade neste asunto, que é quen pon o presuposto. Pediríalle por favor que se poña as pilas e lle dea un empuxón dunha vez”, invita como “veterano das artes da Coruña”.

Os procedementos

Lembra con envexa os anos baixo a dirección de Alberto Gonzalez Alegre e mesmo os de David Barro, co que Correa xa fixera algunha exposición, lembrando que “marchou coa cabeza ben alta cando lle impuxeron á directora que abrochada ao seu posto, e agora dirixe o Centro de Arte Contemporánea de Mallorca”.

Refírese, con certo desprezo, á agora deputada socialista Silvia Longueira, e critica xa “a torpeza” que supuxo ter que asumir a unha “directora abrochada ao seu cargo porque gañou un xuizo contra o padroado”, que xa pedira unha excendencia en 2007 para ocupar postos de responsabilidade municipal, pero que cando volveu en 2011, “non a quería ninguén, foi unha época nefasta… Tiña a todo o mundo enfrontado, ao Padroado e ás traballadoras. E creo que o mal momento actual vén de aí, de non resolverse todo ese enfrontamento, e o Padroado quedou debilitado, inerme, sen forza, sen palabra, sen criterio, derrotado, e segue a velas vir…

A realidade é que os lodos actuais na dirección da Fundación veñen de aí. Longueira dixiriu a Fundación durante todos estes anos de perfil baixo, de 2016 a 2024, cando volveu pedir unha excedencia para ir como deputada socialista ao Parlamento Galego. Foi aí cando o Padroado nomeou a Carmen Jiménez, que traballaba como conservadora na propia Fundación, como “directora temporal”, e tivo que pasar un ano e medio para convocar unha praza, na que, como denunciaba ADACE, nun concurso amañado onde a entrevista valía moito máis que a traxectoria curricular coa intención de dirixir a contratación para manter a Jiménez no posto.

”O padroado está adocenado”

É crítico co actual Padroado da Fundación, que preside a rexedora, cunha vicepresidente é Xosé Díaz Castro, Abraham Piñeiro com osecretario, e como vocais membros da Xunta, da UDC, da RAG, da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, así como membros de PP e BNG, ademais do fotógrafo Manuel Vilariño e o arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Un Padroado que delegou nunha Comisión Permanente o proceso de contratación, pero que polo de agora, nin a rexedora nin dende a dirección se prestaron a facer declaracións.

”O padroado está adocenado, non está comprometido con Luís Seoane. Eu coñezo a case todos. E moi duro o que estou dicindo son xentes das artes e algún compañeiro. Non digo todos e cada un, pero o conxunto, a manda que hai aí, fala dun padroado envellecido, carca, de pequeno burgués”, lamenta. “Non saben o que queren, non hai proxecto, non hai rumbo, non saben cara onde van”, critica, ao mesmo tempo que reitera que lanza todo isto en clave propositiva, e por amor á cidade.

Máis novas

Correa Corredoira, recoñecido na súa casa nunha “festa da arte”

O concurso da praza de “directora substituta” da Fundación Luís Seoane, novo exemplo do abandono dunha da xoias culturais da cidade

ADACE cuestiona “a equidade do concurso e a confianza na gobernanza da Fundación Luís Seoane”

O BNG e Sumar tamén denuncian o polémico concurso da Fundación Luís Seoane

ÚLTIMAS

O persoal das Escolas Deportivas continúa coas protestas tras a “decepcionante” a xuntanza co Concello

Despois da primeira concentración de Riazor, e da primeira reunión cos responsables da Concellería...

Condenado a 9 anos de cárcere un home por violar a unha muller nos arredores dunha discoteca

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a nove anos de cárcere...

Amaral actuará o 21 de febreiro na Coruña, a súa única data en Galicia

Amaral actuará o 21 de febreiro na Coruña, na que será a súa única...

O FIGA afondará na Coruña sobre a diversidade do audiovisual galego

Onte coñecíamos o programa da CoruñArt, e hoxe damos conta do FIGA, refrendando o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here