Este xoves hai pleno en María Pita, no que seguramente se volverá falar da negociación para a aprobación dos orzamentos en 2026 entre PSOE e BNG.
Nese contexto, o voceiro do BNG Francisco Jorquera realizaba hoxe unha rolda de prensa na que destaca que “se está avanzando na boa dirección”, desde o momento en que “o Goberno Local parece disposto a asumir demandas relevantes formuladas polo Bloque como a recuperación dos orzamentos participativos e a devolución ao Pleno das competencias que se lle furtaron ao modificar as bases de execución orzamentaria nas contas de 2025”.
Conxelación de taxas
Jorquera lóubase da “conxelación das taxas, outra das propostas centrais do BNG no curso da negociación”, xa aceptada polo grupo goberno, e que se “demostra coas ordenanzas fiscais que se someterán a debate e votación para a súa aprobación inicial no Pleno de mañá”. Recoñece, iso si, que si que “hai unha taxa que vai subir, a número 18, a reguladora da prestación dos servizos domiciliarios (o coñecido como Servizo de Axuda no Fogar), derivado da normativa autonómica, responsabilidade da Xunta”.
Nese sentido, Jorquera explica que “se o Bloque defendeu a conxelación das taxas para 2026 non é por demagoxia fiscal, senón porque en 2024 xa se produciu unha actualización importante dos tributos e porque tendo en conta a situación económica de moitas familias, non era o momento de que se producise un novo incremento”, sinalou cargando contra a política fiscal do PP, a pesar de coincidir nesta premisa de cara a 2026.
O que fica por negociar
Así e todo, recoñece que “aínda fica moito por negociar para chegar a un acordo orzamentario”. A formación nacionalista demanda “un maior reforzo das políticas de vivenda -en todo aquilo que non sexa competencia autonómica-, ben como tamén outorgar unha prioridade real -e non propagandística- aos investimentos nos barrios, regularizar os servizos públicos que se prestan en precario (transporte público urbano, xestión e recollida do lixo, bibliotecas, instalacións deportivas…), prestar maior atención ás infraestruturas e entidades culturais e deportivas de base, asegurar o mantemento do espazo público, facer unha aposta decidida pola accesibilidade e mellorar o servizo de limpeza”.
Máis novas
A RPT e os autónomos chegarán ao pleno coruñés con mocións de BNG e PP

