Está sendo moi grave o desagravio das administracións para cos centros de ensino para que teñamos centos de familias na rúa protestando. Falamos das familias de todo o Oleiros criticando os recortes en materia de auxiliares de inclusión; falamos do profesorado que xa se ten manifestado en folga; falamos das familia do CEIP Cidade Vella, que saen mañá sábado nunha manifestación polo escaso mantemento do centro, ou falamos da Comunidade escolar do CEIP Prácticas, que leva un ano que o cole lle caen enriba:
Hoxe, venres 21 de novembro, as familias volveron a concentrarse ás portas do centro a pesar de que o pasado 12 de novembro na sesión da Comisión 4º de Educación do Parlamento de Galicia, conseguiuse grazas ao BNG que a Consellería de Educación admitise a necesidade dunha reforma integral do CEIP de Prácticas e o propio Secretario Xeral indicou que no 2026 habería boas novas para o colexio.
View this post on Instagram
Con todo, as familias precisan “prazos concretos porque as nosas demandas si que son concretas”. E enumeran as carencias que ten o centro a día de hoxe:
- Renovación do convenio entre Xunta, Concello da Coruña e UDC para a xestión do centro que leva caducado dende 2022.
- Os diferentes enreixados de peche así coma as cancelas, están enferruxados e rachados co perigo que isto pode supor para o alumnado.
- O chan do patio está cuberto de fochancas.
- As humidades son dunha relevancia tan grande que mesmo nacen fungos en mesas e portas.
- O alicatado de zonas comúns coma o ximnasio ou algúns baños cae por falta de mantemento.
A cousa é tan grave que neste mes de novembro foi precisa unha desinfección urxente por mor de que varias crianzas tiveron problemas de erupcións cutáneas por usar determinados elementos do ximnasio…
As familias están “fartas de promesas incumpridas e da nula asunción de responsabilidades por parte das administracións” e dubidan das promesas porque nos Orzamentos 2026 da Xunta non aparece o centro e ningunha das partidas, e porque seguen esperando ás demandas rexistradas por vía telemática.
Critican ademais a falta de acordo das 3 administracións competentes mentres, os grandes perxudicados, os 250 nenos e nenas que reciben aulas no CEIP de Prácticas.

