InicioMOV. SOCIAISAs chaves da folga de médicos na atención primaria galega

As chaves da folga de médicos na atención primaria galega

Publicada o

Por Afonso C.G.

O meu nome é Afonso e son un dos representantes da asemblea de médicos de atención primaria da área sanitaria da Coruña. Estas asembleas naceron en todas as áreas de Galicia para coordinarnos e plantar cara ao documento de medidas presentado pola Consellería de Sanidade na Mesa Sectorial do 17 de outubro.

Entre esas medidas incluíase a conversión de todas as prazas de médicos de atención primaria —tanto de consulta ordinaria como de urxencias extrahospitalarias (PAC)— nunha nova categoría chamada FEAP, implantada desde 2022, que obriga a realizar gardas (polo menos dúas ao mes, e máis en épocas como o verán). Isto supón unha sobrecarga inasumible para profesionais que xa saen de consultas con 40-50 pacientes ao día e que deben afrontar xornadas maratonianas de 17 horas adicionais. As citas non atendidas acumúlanse, a demora medra (en moitos centros xa supera as dúas semanas) e a presión sobre os compañeiros increméntase de forma exponencial.

Trátase, en definitiva, de castigar aos médicos que seguen traballando no sistema público por una mala xestión e falta de previsión por parte da Consellería, obrigándoos a xornadas extra mal remuneradas para cubrir un déficit de persoal que leva xestándose máis dunha década. Durante anos sabiamos das xubilacións que ían chegando sen relevo suficiente, e non so non se abordou o aunto senon que ao mesmo tempo recortouse financiamento na atención primaria, deteriorando as condicións laborais. Isto fixo que os estudantes de medicina optasen por outras especialidades, e que moitos médicos de familia recentemente formados preferisen as urxencias hospitalarias, a sanidade privada ou emigrar, agravando o problema.

A resposta da Consellería foi tentar cubrir vacantes recorrendo a médicos extracomunitarios sen especialidade MIR (ou con especialidades alleas á atención primaria) contratándoos de forma irregular e sen garantías sobre a súa formación. Mentres un médico MIR supera un exame estatal, fórmase catro anos baixo supervisión e é avaliado repetidamente, garantindo uns mínimos de calidade, estes profesionais entran sen filtros. Todos vemos nas nosas áreas enormes diferenzas na calidade asistencial: os pacientes que caen en consultas atendidas por médicos sen MIR son os máis prexudicados, con casos que rozan a mala praxe.

A pesar diso, no documento do 17 de outubro a Consellería propoñía homologar pola vía rápida estes médicos sen MIR, outorgándolles a especialidade mediante un cursiño de poucas semanas. Consideramos que isto é un insulto á profesión e unha falta absoluta de respecto cara a quen si pasou pola única vía legal de acceso á sanidade pública en España. Ademais, a Consellería non ten competencias para modificar o sistema MIR.

Todo isto fixo que unha onda de indignación se espallase rapidamente como unha faísca entre o colectivo de médicos de familia de toda Galicia. Organizámonos, contactamos cos sindicatos e elaboramos unha serie de liñas vermellas polas que estabamos dispostos a loitar: eliminar a categoría FEAP e continuar co modelo actual de atención primaria que mellora a continuidade asistencial, establecer que a única vía legal é a formación MIR para traballar na sanidade pública, e non obrigar aos compañeiros de PAC a aumentar a súa xornada asumindo os sábados pola mañá (que ata agora eran cubertos de forma rotatoria polos médicos de consulta ordinaria, pero que coa redución xeral de xornada deberá ser cuberto por persoal voluntario ben incentivado).

Pero non nos iamos quedar aí. Queríamos retomar vellas loitas, como contabilizar correctamente as horas que realiza o persoal de PAC, de maneira que se está de permiso ou de incapacidade temporal non teña que devolver esas horas; e, sobre todo, conseguir dunha vez por todas unha axenda de consulta pechada, para que non se estire como un chicle e non se chegue en ocasións a 60 pacientes ao día, cunha burocracia absurda, con saídas ao 061, visitas ao hospital e deixando o centro de saúde abandonado, asumindo cada vez máis competencias que antes pertencían a outros servizos como Oftalmoloxía ou Hematoloxía. Isto provoca que a consulta se converta nunha especie de trincheira, onde parece que o paciente non importa, senón despachalo o máis rápido posible; onde a calidade asistencial queda nun segundo plano; onde o seguimento do paciente crónico e complexo se realiza de forma tan superficial que continúa descompensándose e acudindo ao hospital, aumentando o gasto; onde saír en hora para estar coa familia é unha quimera; e onde cada día o desánimo e a vocación minguan ante a impotencia de non poder exercer unha medicina de familia real. E isto fai que calquera estudante que rota polos nosos centros foxe ante o espanto e a falta de atractivo. Noutras comunidades xa existen mecanismos ou axendas de continxencia con voluntarios incentivados; aquí seguimos cargando máis peso sobre o mesmo lombo.

Mobilizacións e negociacións

Folga da atencion primaria no Centro de Saude dos Mallos 2
Imaxe da semana pasada da Folga de Atención Primaria no Centro de Saúde dos Mallos

Con este panorama, era necesario mobilizármonos. Os sindicatos da Mesa Sectorial (CSIF, CCOO, UGT e CIG) convocaron un único día de folga para o 26 de novembro, claramente insuficiente. Omega convocou tres días (26, 27 e 28), aos que posteriormente se sumou a CIG, e tamén se adheriu o sindicato médico independente SIMEGA para o día 26.

Nos días previos, as concentracións multiplicáronse e os grupos de WhatsApp botaban fume, algúns con máis de 600 persoas. E entón chegou o xerro de auga fría: a desconvocatoria da folga por parte de CSIF, UGT e CCOO, malia asegurárnos días antes que resistirían ata o final. Asinaron un acordo que venderon como histórico, pero que non respondía ás nosas liñas vermellas nin mudaba o noso día a día. O único relevante era a conxelación temporal da categoría FEAP ata 2029, sen garantía ningunha. Nada sobre axendas pechadas; nada sobre regular a sobrecarga asistencial. SIMEGA tamén desconvocou posteriormente, con outro documento cheo de boas intencións, vaguedades e promesas para o futuro que lembran outras folgas (como a de 2019) cuxos acordos nunca se cumpriron.

Pero CIG e Omega decidiron manter a folga, e seguimos adiante. A Consellería difundiu cifras ridículas de seguimento, do 6-7%, contando todo o persoal sanitario (facultativos, enfermaría, administración, odontólogos, fisioterapeutas, auxiliares…) cando a mobilización real era do colectivo médico. E, ademais, contabilizando como “non folguistas” a quen estaba con ausencia xustificada (permiso, baixa…) e a quen traballaba de mínimos, que obviamente non podía secundar a folga. Se retiramos esa manipulación, vemos por exemplo que na área da Coruña, o día 26, de todos os médicos dispoñibles para facer folga, o 60% secundouna. E se temos en conta que arredor do 15% son médicos prorrogados (maiores de 65 anos) que perderían o 4% do complemento anual da súa pensión por un só día de folga, e todos os médicos sen MIR que lóxicamente non a apoian, o apoio real sería moito maior.

Esta é unha batalla de desgaste e contra o tempo. Que se consigan os obxectivos depende da forza que manteña o colectivo na próxima “batalla”, que serían os días 9, 10, 11 e 12 (esta vez convocados só por OMEGA), e coa vista posta en valorar unha folga indefinida se a Consellería continúa sen definirse.

Afonso C.G Atencion Primaria

Pero todo depende da forza e de manter o pulso. Se o apoio se dilúe e perdemos a unión que temos neste momento, non teremos armas para negociar. E o que está en xogo non é só o noso futuro como profesionais, senón o futuro da atención primaria e da saúde de toda a poboación galega. É agora ou nunca. Se non loitamos xuntos, perdemos todos.

  • Afonso C.G. Médico de Atención Primaria na Coruña.

 

ÚLTIMAS

O movemento “Baixo O Mesmo Paraugas” cumpre 10 anos na Coruña implicando a 100 entidades

Este mércores 3 de decembro, a Coruña volverá cubrirse “Baixo O Mesmo Paraugas”. O...

O Terceiro Sector no Seminario da EAPN-ES da Coruña: “A pobreza non é inevitable”

Interesante e necesario o Seminario Anual ‘Garantía de Dereitos e Novos Modelos de Servizos...

Ferido un mozo tras caerlle a estatua da Fonte do Desexo

Eran as 0:00h cando saltaban as alarmas en plena Praza de Azcárraga. Un mozo...

A UDC impulsará o seu grao de Medicina na Coruña: dá por roto o acordo de descentralización ao non ratificalo a USC

A Universidade da Coruña (UDC) emitiu un comunicado este venres no que avanza que...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here