O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a absolución do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, de Alternativa dos Veciños, e dun arquitecto técnico do Concello do delito contra o patrimonio histórico ou, subsidiariamente, do delito xenérico de prevaricación do que foron acusados. Foi como consecuencia da execución das obras para demoler, o 31 de decembro de 2020, o que restaba da Casa Carniceiro –un edificio modernista de principios do século XX– que no mes de xullo dese ano sufrira un importante incendio.
A Sala do Civil e Penal, por tanto, desestima o recurso presentado polo Ministerio Fiscal contra a sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña, que tamén absolveu a ambos. Xa no seu fallo, o tribunal sostivo que existían “dúbidas incompatibles coa fehaciencia necesaria para enervar a presunción de inocencia e considerar concorrente a existencia dun elemento subxectivo por parte dos acusados de actuar vulnerando de forma fragante o ordenamento aplicable”.
Entre outras cuestións, no seu recurso, o Ministerio Público baseouse, entre outros motivos, en que se debería alcanzar unha resolución condenatoria “ao errar o tribunal na elección da normativa aplicable á hora de cualificar o obxecto material do delito, que, na súa tese, si pode cualificarse como ‘singularmente protexido'”. Con todo, o alto tribunal rexeita cada un dos motivos esgrimidos por Fiscalía que entendía que houbo un delito contra o patrimonio histórico tras a derriba da Casa Carniceiro. Así, consideraba como autor do citado delito ao rexedor, con competencias en materia de urbanismo, e ao arquitecto técnico municipal –que asumiu, afirma, a execución material do derrube– como cooperador necesario.
O ALCALDE CUALIFÍCASE COMO “VÍTIMA”
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou a ratificación da súa absolución polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia polo derrube da Casa Carniceiro, tras rexeitar o recurso de Fiscalía e confirmar a ditada pola Audiencia Provincial da Coruña. En rolda de prensa, definiuse como “un defensor a matar do patrimonio histórico e arquitectónico” e cualificouse como unha “vítima con máis de cinco anos dunha persecución sen precedentes por parte da oposición”.
“Querendo utilizar os tribunais para acabar conmingo”, sentenciou para incidir en que actuou no seu día coa demolición da Casa Carniceiro porque había perigo para as persoas tras un temporal. “O que fixen foi salvar vidas”, insistiu para asegurar que foi un defensor do patrimonio de Oleiros. “Recuperei para o municipio gran parte da historia con edificios emblemáticos, a maior parte de propiedade privada”, engadiu.

