Ás 18:00h deste martes 27 de xaneiro comezaba, no CEIP Concepción Arenal, un dos 15 peches reivindicativos convocados en toda Galicia pola CIG-Ensino e STEG para defender o ensino público ante o desleixo da Xunta. Unhas 20 persoas pasarán a noite no centro herculino aproveitando para facer unha asemblea aberta e un debate sobre a folla de ruta a seguir, ademais de elaborar de material reivindicativo, de primeiras, para utilizar na concentración matutina que terá este mércores antes do comezo do horario escolar, á que os sindicatos convidan á comunidade educativa a para visibilizar estas carencias e esixirlle á administración que atenda o clamor de familias, profesorado e alumnado.
Este peche continúa as mobilizacións realizadas no primeiro trimestre, no que a pesar das 5 xornadas de folga, a Consellería de Educación non avanzou nas negociacións para aprobar melloras tanto nas condicións de traballo docentes como no ensino público en xeral.

A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Laura Arroxo, que está no peche da Coruña, explica que “o obxectivo desta medida é chamar a atención ante o desprezo da Consellaría que segue sen atender a voz maioritaria do profesorado galego, representada polas dúas organizacións sindicais que lideran as mobilizacións desde comezos de curso”. “O noso obxectivo neste momento é sumar ás familias e ao alumnado á que é a causa de todo o ensino público -engade-, porque cando estamos falando de que non hai profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) ou persoal orientador suficiente estamos evidenciando a gran carencia nestes momentos no sistema educativo galego que obriga aos centros a decidir que alumnado se atende e cal non. Cando non se autorizan desdobres nin se cumpren as raquíticas medidas incluídas no acordo de melloras, ampliando as ratios por riba do permitido ou agrupando varios niveis por riba do incluído tamén no acordo de agrupamentos, o que sae perdendo é alumnado máis vulnerábel, a igualdade de oportunidades e unha sociedade máis xusta. Estamos aquí para evidenciar que a atención á diversidade é unha prioridade” indicou.
Máis novas
O profesorado conmemora unha marcha fúnebre polo ensino público na súa primeira xornada de folga
Outras denuncias máis concretas
Así foi a manifestación da comunidade escolar do CEIP Prácticas “por unha escola segura e digna”
Indignación nas familias do CEIP Cidade Vella tras escoitar en directo “as mentiras” da Xunta
ANPA do CEIP de Tarrío esixe á Xunta máis recursos e atención inmediata

