Presentouse esta mañá a programación municipal dedicada ao Entroido neste 2026 na cidade da Coruña. Un programa que comezará o día 7 e que pon de protagonistas a dúas das choqueiras máis divertidas da cidade, como son Bego e Isa, “As Toliñas”.
Elas son Begoña Mosquera, docente no CEIP Curros Enríquez, natural de Monte Alto e sobriña doutro personaxe mítico do entroido coruñés, Canzobre, e Isabel Sánchez, que rexenta un comercio na zona de Orillamar. Disfrázanse de choqueiras desde os 12 anos e teñen un amplo repertorio de disfraces, como axentes tributarios ou xuíces, ademais das personaxes das choqueiras.
O programa
O programa comezará o sábado, día 7, e terminará o 21 de febreiro. O primeiro día o Palacio da Ópera acollerá, a partir das 18.00 horas, un concurso de comparsas das coplas, na modalidade de música e letra, nunha gala dirixida por David Amor.
A gañadora actuará no acto de entronización do Deus Momo o venres, día 13, neste caso no Campo da Leña e na atalaia de San Roque, debido ás obras nos Cantóns.
O concurso de comparssas na modalidade de vestiario, coreografía, orixinalidade e carrozas será o 14 de febreiro, a partir das 18.00 horas. En total, hai 22 comparsas e agrupacións inscritas no desfile e outro oito que participarán no concurso de música e letra deste sábado.
O xoves 12 farase tamén unha homenaxe a Ángeles Alvariño o Xoves de Comadres, cun acto no Arquivo Histórico Municipal de Durán Loriga que lembrará a figura da recoñecida científica.
Todo iso con propostas no Castelo de San Antón e tamén en centros cívicos para os máis pequenos, ademais de concursos de disfraces de choqueiros e choqueiras.
O Entroido dos barrios
s Centros Cívicos de todos os barrios acollerán obradoiros infantís e festas de disfraces do 13 ao 16 de febreiro. A inscrición a partir deste mércores 4 nos propios centros.
O Martes de Entroido será o día forte será o Martes de Antroido, coa programación concentrada no Campo da Leña e na Rúa da Torre, onde se celebrarán os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos. Haberá, ademais, unha actuación musical de Chekan ás 21.00 horas para pechar a xornada na rúa da Torre.
Tamén o martes de Antroido Isa e Bego serán protagonistas coa colocación da súa placa de choqueira do ano na rúa de San Xosé, nun acto que se celebrará ás 13.30 horas. Este ano, o Andar do Antroido renderá homenaxe aos Kilomberos de Monte Alto coa colocación dunha nova lousa na súa honra na contorna das rúas da Torre, San Xosé e San Xoán.
Como todos os anos, o Antroido coruñés renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Nito, Cantero, Canzobre ou Palau. Tamén se celebrarán distintos concursos de filloas e orellas.
De novo, o Circo de Artesáns será lugar onde se vele á sardiña, que o mércores 18 será levada en procesión ata San Amaro para poñer fin ás celebracións.

Máis novas
Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre
O Martes de Choqueiros do Entroido de Monte Alto segue medrando
Os Maracos xa teñen a súa lousa no Andar do Antroido da rúa da Torre

