Presentáronse onte os datos do servizo municipal de Bicicoruña de 2025. Unhas cifras que volven bater a súa propia marca, cun total de 1.728.835 usos. Isto supón un incremento de 385.382 respecto ao 2024. De media, 4.742 persoas usuarias utilizaron a frota de vehículos cada día (en realidade son usos, pero dende o Concello contabilizan como usuarias, cando unha persoa pode facer varios usos diarios), o que, en calquera caso, mostra o grande arraigo que ten entre a cidadanía o emprego deste medio de transporte sostible que, cada vez máis, se revela como unha alternativa ao uso do coche.
Ademais, 2025 tamén marcou o mes con maiores usos totais da historia do servizo. Foi outubro, con 203.285.
Dun xeito ou doutro, a aposta municipal do goberno socialista é indiscutible. Tiña o camiño marcado polo goberno de Xulio Ferreiro pero decidiu seguir apostando por cambiar a mobilidade da cidade, e así o está conseguindo.
“No 2019, cando entramos no Goberno, houbo en todo o ano 206.946 usos de Bicicoruña, polos 1,7 millón deste 2025; había 29 estacións, agora hai 79. Os números explícano moi claro. Desde que melloramos e ampliamos a rede, a cifra multiplicouse por oito. Iso chámase cumprir”, engadiu Inés Rey durante a presentación dos datos.
A práctica totalidade das estacións de Bicicoruña (78 das 79) están xa operativas despois
dos procesos de ampliación dos últimos anos. Tan só permanece pechada a da Intermodal, inoperativa polas obras. O total é de 1.437 ancoraxes activas e 650 bicicletas, 410 delas
con apoio ao pedaleo.
Cambio na mobilidade, dende a mocidade

O máis importante é que Bicicoruña está cambiando a forma de moverse pola cidade, achegándose moito máis ao que propón unha cidade europea. Que a xuventude estea comprobando que é moito máis cómodo que o coche supón un avance que vai quedar para sempre nas súas cabezas.
En paralelo, séguese consolidando tamén como unha forma habitual de ir e volver do posto de traballo, pois as horas con maior tráfico rexistrado coinciden coas tradicionais de entrada e saída da xornada laboral.
O impacto de Bicicoruña tamén se notou nos índices de contaminación do contorno urbano.
O Concello estima que o uso das bicicletas fixo que ata 914.479 kg de CO² deixasen de emitirse á atmosfera. Este efecto axudou tamén a paliar a contaminación acústica, ao atenuar os traslados en vehículos motorizados e desconxestionar o tráfico.
Outro dos fitos conseguidos é o achegamento dos barrios. A frota de bicicletas e a expansión da rede de estacións, mellorou a comunicación de zonas tradicionalmente afastadas do centro, como o barrio de Xuxán, onde se construíron dúas estacións novas.
“Hoxe A Coruña é unha cidade que tamén se move en bici e que é un referente en España nesta modalidade de transporte. O servizo municipal naceu como un sistema deseñado para o ocio, mais conseguimos convertelo nunha rede útil para o transporte que hoxe empregan para os desprazamentos de traballo milleiros de persoas”, engadiu Inés Rey.
Máis novas
A Escola da Bici de Mobiliza ou como perder o medo a circular pola cidade
BiciCoruña: 11,50 euros por alugar unha bicicleta durante un día; 16,75, tres días; e 40, un ano
Reciclos, o taller social de Mobi-Liza que segue espallando a cultura da bici
A Masa Crítica volve sacar as bicis na Coruña 20 anos despois da súa creación

