A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga (na rúa Durán Loriga) acolle este xoves 5 de marzo, ás 18.00 horas, a inauguración da exposición Virando o rosa, da fotógrafa Diana Fajardo Rama.
Fajardo é unha fotógrafa documental, residente na Coruña, con máis de 20 anos de experiencia, 12 deles dedicados ao seu proxecto persoal. Parte dos seus traballos máis reseñables poden contemplarse de xeito permanente na Domus da Coruña.
Con exposicións individuais e colectivas, leva tamén 10 anos como docente na súa propia escola de fotografía, onde desenvolve unha formación dende unha perspectiva feminista.
Actualmente traballa nunha nova exposición individual que, dende un enfoque etnográfico, recolle costumes de Galicia.
Virando o rosa
O proxecto Virando o rosa foi premiado na VII edición dos Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña e aborda a atención ás mulleres diagnosticadas de cancro dende unha perspectiva de xénero, situando no centro as vivencias e os procesos persoais das protagonistas.
Esta iniciativa estrutúrase en tres eixos: unha mostra fotográfica, un libro gráfico e relatorios nas presentacións públicas protagonizadas polas propias participantes. Tras entrevistar a máis de 30 mulleres da provincia da Coruña, xorde unha proposta audiovisual cos seus relatos que, na parte gráfica, amosa retratos das participantes en diferentes momentos, todos eles relacionados coa maneira en que viviron esta patoloxía.

