Nove de cada dez persoas egresadas na Universidade da Coruña (UDC) que se incorporan ao mercado laboral atopan emprego no primeiro ano, segundo recolle o informe elaborado polo Observatorio Ocupacional da institución, presentado este martes e dispoñible na súa páxina web.
O estudo foi presentado no reitorado pola vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, xunto co director do Observatorio Ocupacional, Francisco León Medina.
No que respecta á calidade do emprego, o informe indica que o 83 % das persoas ocupadas desempeña un posto acorde ao seu nivel de formación. Ademais, o 60 % conta cun contrato indefinido, mentres que o nivel medio de satisfacción co emprego alcanzado sitúase en 8,09 puntos sobre dez.
En canto aos ingresos, o 34,8 % das persoas ocupadas declara percibir máis de 1.500 euros netos mensuais durante o primeiro ano tras rematar os seus estudos universitarios. Segundo explicou Lombardía, estes datos mantéñense na “liña positiva” dos últimos anos, o que, ao seu xuízo, avala “o esforzo sostido da UDC en materia de empregabilidade”.
No caso das persoas tituladas de máster, o 85,5 % incorporouse ao mercado laboral un ano despois de finalizar os estudos, unha porcentaxe moi similar á rexistrada no informe anterior. Entre quen non se atopan traballando, a principal causa de inactividade é a preparación de oposicións, segundo recolle o estudo.

