Vive a Rede de Escolas Infantís Municipais un comezo de curso convulso. Ata o punto de que do 1 de setembro e o 1 de outubro van seguir as mesmas direccións, pero a partir de aí van cambiar as empresas xestoras de 6 das 8 escoliñas. Todo por mor dun tramposo concurso acordado, un ano antes de que vencese o contrato coas anteriores empresas xestoras, provocado pola subida salarial conseguida a nivel estatal polas traballadoras do ensino de 0 a 3 anos, e que tanta repercusión tivo na Coruña. Precisamente ese puido ser unha das claves da nova licitación.
Cómpre poñernos en antecedentes. As 8 escoliñas da Rede Municipal están dirixidas dende hai décadas por empresas compostas principalmente por mestras e educadoras. Falamos de empresas moi familiares, moi cercanas, con moitos anos de experiencia (Carricanta levaba máis de 25 anos no Castrillón ou Arela 24 en Elviña) e moi ben recoñecidas polas familias dos nosos barrios. Pero en outubro, esta rede conformada por empresas ou cooperativas de educadoras, vai ser substituida por empresas multiservizos con sedes en Mallorca, León ou Oza dos Ríos.
Isto acontece despois do novo concurso promovido polo Concello. Un concurso acordado trala importante subida salarial (de 200€ por educador) conseguida tras un longo do ano de protestas nas rúas de todo o estado, e tamén da Coruña, con críticas directas á xestión municipal do asunto.
Ante esta nova suba, O Concello, a un ano do vencemento de boa parte das concesións, propuxo abrir un novo proceso de licitación para que as condicións económicas se puidesen adaptar aos novos salarios. Pero sorprendemente, as novas concesións son máis baratas que cos contratos do ano pasado. “Unha aposta pola calidade”, aseguraba Lage Tuñas na presentación das novas adxudicacións. “Esta contratación busca ampliar servizos e mellorar a comodidade tanto das familias como dos nenos e nenas, garantindo ao mesmo tempo unhas condicións laborais dignas para todo o persoal das escolas, e mantendo subrogados aos actuais cadros de traballadores e traballadoras”, aseguraba a alcaldesa na inauguración das instalacións da escoliña de Monte Alto, esquecendo que van cambiar as directoras (os seus postos non son subrogables e que os proxectos educativos presentados polas novas empresas son diferentes.

”Pecamos de inocentes. Foi unha trampa”
A realidade é que tras este novo proceso de contratación, das 8 escolas municipais que forman a rede, 6 escoliñas cambian de empresa xestora. A coruñesa Sararte dirixirá as escolas Luís Seoane e a Agra do Orzán; Enequip Serveis Integral, multinacional balear con preto dun milleiro de traballador@s, xestionará os centros de Elviña e Castrillón; e a leonesa Grupo Atención a Dependientes, coordinará Palavea e Os Rosales.
Pola contra, e porque nos lotes só se podían xestionar dous centros por empresa, só dúas manteñen as direccións veteranas: Dulce Comienzo na de Novo Mesoiro, e López Sancho Monte Alto, na renovada escoliña de Monte Alto.
O malestar é patente entre as direccións das empresas que levan coidando décadas das nosas crianzas, porque consideran que “foi todo unha trampa” para calar un colectivo que estivo na rúa durante dous cursos con folgas e manifestacións. “Pecamos de inocentes. Para min estaba moi orquestado, é moita casualidade, que de repente nunha licitación, perdemos as 8, só 2 quedaron segundas”, sinalan dende un dos centros. Recoñecen que pecaron cando aceptaron os plegos de contratación, que deixaban claro que a oferta económica ía sumar máis puntos que o proxecto educativo. “É un concurso público; que perdamos pola parte educativa o podíamos aceptar, pero non pola parte económica”, denuncian.
“Foi todo moi rápido, tiñamos 15 días para presentar o proxecto e contabamos coa boa fe do goberno, e decidimos presentarnos e non recurrir eses pliegos. Foi un erro pola nosa parte”, recoñecen. “Iso si, agora aquí nos van ter, imos recurrir todas xuntas co mesmo avogado”, afirman.
Cuestións económicas
As cifras ecómicas deixan patente as prioridades do convenio. O contrato do ano pasado dos Rosales era de 575.094 €. O Concello eleva o orzamento novo nos pliegos ata 585.114 €, apenas uns 10.019 € máis para afrontar a subida salarial das traballadoras, pero despois a adxudicación cae ata uns 509.536 €. O prezo final queda 65.558 € por debaixo incluso do contrato 2025–26, antes de que operen os novos custos salariais.
Algo semellante pasa coa Luís Seoane, na que os pliegos apenas incluían unha subida 6.000€ dos 361.719 € dos cursos pasados; pero a adxudicación acaba saíndo por 330.051 €. É dicir, 31.668 € menos ao ano que o que custa actualmente Pasiños.
”As traballadoras van cobrar menos que os actuais contratos, van ter que recortar en persoal, porque nas nosas escoliñas xa estabamos por encima do persoal mínimo, e ademais, entre as melloras se inclúe poder traballar as fins de semana, afondando en contra das melloras laborais conseguidas”, explican, tendo en conta ademais que nesta etapa da formación de 0-3 anos, teñen que ser as mesmas educadoras as que estean tamén durante as fins de semana.
Van máis alá, e destacaba a parte educativa. “Non é o mesmo dirixir dende dentro, cunha visión de formadora, pero tamén de xestión directa, tomando decisións de pequenas cousas no momento, que non se están a valorar. A partir de agora as solucións terán que pasar por León ou por Mallorca”, apuntan.
Críticas da oposición
O proceso xa recibiu as críticas do BNG e tamén de Sumar, que denuncian que “fragmenta o modelo educativo e afonda na externalización”.
No pleno deste do vindeiro xoves 10 de setembro, o BNG incidirá no asunto. “Por que decidiu o Goberno Local primar os recortes económicos sobre a calidade do ensino na recente licitación das escolas infantís municipais?”, preguntará o edil David Soto, pedíndolle explicacións por que o “criterio que decidiu a licitación non foi a calidade do proxecto educativo, nin o coñecemento directo da contorna das escolas, nin o compromiso coa lingua galega, senón o factor da oferta económica máis baixa formulada polas empresas aspirantes á concesión”.
”Imos recurrir”
”Imos recurrir, todas xuntas co mesmo avogado”, sinalan dende as antigas empresas. “Non nos botarán sen dar guerra.”
Máis novas do proceso
“A nova concesión das escolas infantís fragmenta o modelo educativo e afonda na externalización”
O Concello adxudica a xestión da rede de escolas infantís municipais
As traballadoras das Escolas Infantís Municipais reclaman na rúa “feitos concretos”

