O proceso para definir a transformación dos espazos portuarios da Coruña entrou nunha nova fase coa recepción das cinco propostas elaboradas polos equipos finalistas do concurso internacional para redactar o Máster Plan de Coruña Marítima. Segundo informaron o Concello da Coruña e a Autoridade Portuaria, trátase dunha fase clave nun procedemento chamado a marcar o futuro desenvolvemento urbano e portuario da cidade. O obxectivo é que o proceso quede resolto antes de que remate o presente ano.
Tal e como estaba previsto, cinco meses despois da selección dos cinco equipos que pasaron á fase final do concurso, todos presentaron as súas respectivas propostas dentro do prazo establecido. A Mesa de Contratación abrirá este martes a documentación presentada para comprobar que as propostas se axustan ás bases do concurso. A partir de aí, comezará o proceso de avaliación das cinco candidaturas. Un comité de expertos será o encargado de analizar as propostas antes de avanzar na elección do deseño que servirá de base para a futura transformación dos espazos portuarios da Coruña.

