O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña mobilizouse este martes na cidade herculina nunha nova xornada de folga, tras as protestas dos días 10 e 11 de outubro, para reclamar un convenio “xusto” e denunciar “a falta de avances na negociación”. Os traballadores advertiron ademais de que, “se non hai resposta” por parte da patronal, encabezada por Gadis e Froiz, a próxima folga poderá coincidir co Nadal.
“Previsiblemente, os días 22, 23 e 24 de decembro”, explicou o representante da CIG, Roberto Pérez, en declaracións aos medios de comunicación. O sindicalista reclamou á patronal que poña enriba da mesa unha proposta que permita recuperar poder adquisitivo. “Que poñan enriba da mesa unha proposta que garanta o aumento progresivo da capacidade adquisitiva das persoas traballadoras do sector”, esixiu, tras asegurar que a patronal “se nega a retomar a negociación”.
Pérez tamén puxo o foco nos salarios e asegurou que “a persoa traballadora que máis cobra chega aos 1.100 euros, tirando pola banda alta”. Entre as reivindicacións do persoal figuran tamén melloras nas xornadas laborais e na conciliación, así como que se retribúa a antigüidade. Pola súa banda, o portavoz de CCOO, Juan Zas, insistiu en que as demandas do cadro de persoal son asumibles. “É asumible, pódese facer. É unha cuestión de racionalidade”, reiterou.

