O Concello da Coruña vai poñer en marcha de forma inmediata un Plan de Mellora dos Servizos de Limpeza Viaria, Recollida de Residuos e Coidado do Espazo Público, orientado a conseguir unha mellora visible e sostida do estado das rúas, prazas e barrios da cidade.
A iniciativa combina unha nova organización do traballo, reforzos operativos, maquinaria adicional e unha xestión máis eficaz das incidencias, co obxectivo de reducir os problemas detectados e acurtar os tempos de resposta.
A principal novidade organizativa será a división da cidade en sectores operativos, cun sistema de rotación continua. Fronte a actuacións concentradas nun único barrio, programaranse intervencións e repasos para que transcorra menos tempo entre limpezas, se detecten antes os problemas e se manteña un mellor estado xeral do espazo público.
Súmase ademais un aumento dos recursos técnicos e humanos. En concreto, incorporaranse dúas novas brigadas especializadas en rozas, destinadas a actuar sobre beirarrúas, cunetas, bordos de vías, medianas, ámbitos periurbanos e espazos rurais.
Tamén se incorporará unha brigada específica para incidencias urxentes, capaz de intervir ante verteduras, problemas de salubridade, acumulacións excepcionais de residuos e situacións de especial impacto cidadán.
O incremento dos medios de limpeza completarase con nova maquinaria. En concreto, aos equipos actualmente en servizo sumarase unha decapadora máis, unha varredora de beirarrúas e outra varredora sobre camión. Tamén se incorporarán dous equipos de limpeza mediante vapor destinados a retirar excrementos de aves e tratar mobiliario urbano, pavimentos sensibles e puntos concretos. O dispositivo contará igualmente con novas máquinas de hidrolimpeza para actuar sobre ouriños, chicles, manchas persistentes e contornas dos contedores.
Zonas de actuación
Aínda que o plan terá alcance en toda A Coruña, prestarase unha atención especial aos lugares con maior intensidade de uso. Entre os eixes comerciais figuran a praza de Lugo, Juan Flórez, a praza de Pontevedra, a rúa Compostela e a praza de Vigo. Nas áreas de actividade hostaleira priorizaranse a Cidade Vella, a Mariña, a Franxa, o Orzán e os Cantóns. Tamén se inclúen os eixes peonís da rúa Barcelona, Ángel Senra, Sagrada Familia e A Gaiteira, así como no ámbito entre roldas que inclúe Riazor, O Peruleiro, Agra do Orzán, Sagrada Familia, Os Mallos e Os Castros.
“Estas prioridades non suporán deixar fóra o resto dos barrios, incluídos os espazos periurbanos e rurais”, aseguran dende o Concello, “mais o reforzo concéntrase nos puntos onde hai maior tránsito e, polo tanto, maior xeración de residuos”.
Recollida de residuos voluminosos
Outra das liñas de traballo, explicou Neira, será a mellora da recollida de residuos voluminosos e de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). O plan prevé unha reorganización territorial que vincule días concretos de recollida a determinadas rúas. Isto facilitará a programación dos equipos e reducirá o tempo que estes residuos permanecen na vía pública.
A cidadanía contará con información máis accesible sobre o servizo, mediante consultas por rueiro. Esta reorganización non modificará o actual servizo de recollida xestionado a través do 010, que se manterá.
Responsabilidade de todxs
A concelleira lembrou que o esforzo do Concello debe verse acompañado da colaboración cidadá, polo que se levarán a cabo campañas sobre o uso correcto das papeleiras, o depósito adecuado de residuos, a xestión de voluminosos, a prevención de verteduras e o coidado do mobiliario urbano.

