O Concello formalizou definitivamente o proxecto de reparcelamento da propiedade denominada Acuartelamento da Grela ou Cuartel de Automóbiles, así como o acordo para a liquidación do convenio asinado co Ministerio de Defensa.
Tal e como trasladou o Goberno municipal en nota de prensa, isto permitirá dispor deste espazo para levar a cabo unha actuación que incorporará novos equipamentos públicos a unha zona estratéxica de acceso e saída da cidade.
A parcela en cuestión atópase situada xunto á estrada de Baños de Arteixo, en fronte do centro comercial Marineda City, e leva moitos anos sen utilizarse. O proxecto de reparcelamento contempla dispor de algo máis da metade deste solar, case 22.000 metros cadrados da superficie total existente, cunha edificabilidade duns 38.000 metros cadrados.
Desta forma, o uso desta superficie permitirá contar non só con espazo para cocheiras (actualmente situadas nos Rosais), senón tamén albergar outros servizos públicos que poidan resultar necesarios.
Así mesmo, a proposta establece a extinción do convenio por mutuo acordo entre as partes e determina as condicións para a súa liquidación, co fin de concretar as obrigacións e os compromisos asumidos, executados, pendentes ou extinguidos por cada un dos axentes implicados. Con todo, o espazo pasará a ser de titularidade municipal.

