O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vén de adxudicar un contrato de 5,3 millóns de euros (IVE incluído) para a integración ambiental da Avenida Alfonso Molina (AC-11), coñecida tamén como Avenida A Vedra, polo topónimo que lle daba nome antes de outorgarlle un nome franquista á entrada da cidade da Coruña. O prazo de execución será de 18 meses.
O anuncio de adxudicación á empresa Vilor Infraestruturas, foi publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público (PLACSP). O proxecto, orientado norte/sur, comeza na intersección da mencionada avenida coa autoestrada AC-10, coñecida como Avenida San Cristóbal, e remata no enlace coa autoestrada AP-9, cunha lonxitude aproximada de 1.400 metros.
As obras inclúen sendas peonís e ciclistas que discorren paralelas ao corpo principal da avenida a ambos os dous lados, conectando con puntos de acceso peonil preto de paradas de autobús e pasarelas existentes, garantindo así a accesibilidade transversal ao longo de todo o tramo.
Tamén se inclúe unha pasarela peonil e ciclista no enlace de Pocomaco/Matogrande. Esta pasarela proporcionará continuidade entre dúas sendas proxectadas ao longo da calzada dereita da avenida, resolvendo a intersección do itinerario peonil sobre a Avenida García Sabell. A pasarela tamén conta con dúas ramplas de acceso. Ademais, integrarase a paisaxe circundante, creando ou mellorando, no seu caso, as zonas verdes adxacentes a estas sendas e, en xeral, toda a avenida.


Estas obras de integración ambiental complementan as obras de remodelación desta Avenida, que están actualmente en marcha, e que contan cun orzamento actual de 18,3 millóns de euros (IVE incluído).
Propoñen comezar a usar a Terceira Rolda para saír da cidade polas obras de Alfonso Molina

