Fan falta iniciativas singulares para que a sociedade poida enfrontarse á crise da vivenda, porque parece evidente que as administracións e as representacións políticas non van facer demasiado. Así, ante o encarecemento dos prezos, a escasa oferta de alugueiro e a falta de alternativas habitacionais adaptadas ás distintas etapas da vida, a vivenda colaborativa (cohousing) emerxe en Galicia xa non como unha utopía, senón como unha necesidade urxente e unha opción real.
Con esa premura este pasado xoves nacía no Estudio de Hábitat Social (na Praza de Azcárraga), a iniciativa “Comunitaria”, un servizo profesional e integral para facer viables os proxectos de vivenda colaborativa en Galicia. Impulsado pola cooperativa da Cidade Vella tras máis de dez anos de traxectoria, o servizo ofrece unha resposta profesional e 360º —técnica, xurídica, financeira e social— ante a crise de acceso á vivenda e a auxe do cohousing.
Comunitaria ofrécese á sociedade herculina como “un catalizador capaz de transformar o desexo cidadán de vivir de xeito comunitario en proxectos arquitectónicos e xurídicos sólidos e executables”.

A presentación pública contou coa análise do experto en políticas de vivenda Xosé Allegue e o testemuño de Marga Vázquez, presidenta de OFdV e impulsora do modelo residencial As Lavandeiras, unha urbanización colabortiva proxectada en Xuxán de forma ética e horizontal.
/”O camiño da vivenda colaborativa é profundamente transformador, pero require moita aprendizaxe e superar complexas barreiras administrativas e financeiras. Contar cun equipo técnico e humano como o de Comunitaria, que entende a lóxica comunitaria e non mercantil, é a diferenza entre que un proxecto quede nun papel ou se converta nun fogar real”.
Pola súa banda, o arquitecto e experto en políticas públicas de vivenda Xosé Allegue subliñou durante o acto a urxencia de diversificar os modelos de produción e xestión do hábitat en Galicia: “A vivenda non pode seguir abordándose unicamente como un ben de mercado ou un activo especulativo. As experiencias de cohousing demostran que a autoorganización cidadá xera comunidades máis resilientes, sustentables e solidarias. Ferramentas profesionais como Comunitaria son indispensables para que a administración e a sociedade civil poidan dar o salto de escala que Galicia precisa nesta materia”.

