Coa ilusión de volver o seu berce, Viki Rivadulla leva a súa exposición “Onde habitan as mouras. Cartografías de nós” á cidade da Coruña. A artista muxiá volve así á cidade que a veu nacer para expoñer no Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, a NORMAL, ao outro lado, iso si, do seu Monte Alto natal.
A mostra propón unha reflexión crítica sobre a relación entre o ser humano e a natureza, a defensa dos territorios e a preservación dos saberes e das identidades culturais. A través de 30 pinturas acrílicas sobre lenzo, acompañadas de textos da propia artista e de poemas de diversas escritoras galegas e da activista mapuche Diva Millapan, a exposición constrúe un relato colectivo en que a creación artística se converte nunha ferramenta de conciencia, resistencia e transformación.
O proxecto parte dunha preocupación central: a degradación ambiental e a explotación dos territorios non implican unicamente a perda de biodiversidade, senón tamén a desaparición de formas de vida, oficios tradicionais, linguas e manifestacións do patrimonio inmaterial. A destrución do medio leva consigo a perda dunha parte da memoria colectiva e dos vínculos que as comunidades establecen coa súa contorna.
Neste contexto, as mouras da tradición lendaria galega adquiren un significado simbólico. Esas figuras femininas que habitan lugares naturais e custodian tesouros representan tamén as gardiás dun legado que cómpre preservarmos: a natureza, a memoria, os saberes ancestrais e as formas de comprender o mundo que nos transmitiron as xeracións anteriores.
O papel das mulleres ocupa un lugar fundamental no percorrido. Desde as comunidades indíxenas ata as mulleres das Encrobas ou as mariscadoras galegas, a exposición rende homenaxe a quen defende os territorios e mantén vivos os coñecementos vinculados á terra e ao mar. A súa presenza articúlase desde unha perspectiva ecofeminista, que permite abordar as conexións entre a explotación da natureza, as desigualdades sociais e as violencias exercidas sobre os corpos e os territorios.


