O Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) deu un paso máis na descentralización de Medicina coa constitución este mércores da súa Unidade Docente, integrada por preto de 40 profesionais. Tal e como recolle o acordo aprobado polas tres universidades públicas do Sistema Universitario Galego (SUG), a unidade será a encargada de organizar as ensinanzas e, polo tanto, o Plan de Organización Docente (POD), en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Segundo subliñou a UDC nunha nota de prensa, esta unidade traballará xunto co departamento de Medicina da UDC para impulsar a descentralización, que este ano comezou coa docencia clínica de 5º curso e que prevé para o próximo curso a implantación de todo o 5º curso.
En concreto, o departamento está integrado por 10 áreas de coñecemento: anatomía e embrioloxía humana, cirurxía, farmacoloxía, fisioloxía, historia da ciencia, medicina, medicina preventiva e saúde pública, otorrinolaringoloxía, psiquiatría e radioloxía e medicina física.
Na sesión deste mércores, á que asistiron o reitor da UDC, Ricardo Cao, e o xerente do CHUAC, Luis Verde, elixiuse tamén o coordinador da Unidade Docente, que será Javier de Toro, catedrático da UDC e xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC. A UDC salientou que Javier de Toro Santos é catedrático da área de Anatomía e Embrioloxía Humana da universidade coruñesa e xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC. Doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, incorporouse ao CHUAC en 1988 e á UDC en 1992.

