Xa coñecemos as aplicacións ”Breogán” e ”Carmucha”. Ferramentas dixitais que espallan a nosa música tradicional.
Hoxe damos conta da “APP Foliada”, xa dispoñible en Google Play ou en Iphone a través do Safari (engandindo a pantalla de inicio). “Foliada” é unha aplicación gratuíta, en galego e sen publicidade para consultar e compartir cantigas galegas.
O seu creador, Vítor Cancela é da Coruña con moita vinculación con Zas. Agora é administrador de sistemas, pero ten unha longa bagaxe no mundo da música tradicional, xa que ademais de pasar os veráns de rapaz en Rial de Arriba e na Atalaia, agora volve cada fin de semana á terra soneirá, un dos berces da nosa cultura.”Na casa e nas festas da aldea sempre se cantaron cantigas, e esa lembranza foi o punto de partida deste proxecto: aproveitar os meus coñecementos de informática para axudar a que esas letras sigan presentes e cheguen a máis persoas, para poñer en valor esa tradición que tantas familias e agrupacións da zona manteñen viva”, explícanos o zaseiro.
Cancela é incondicional da Festa da Carballeira de Zas, unha das grandes citas festivaleiras da Costa da Morte. É un amante do monte e dos cogomelos, e sempre volve por lugares como a ermida de San Bartolomeu, a ponte de Brandomil ou a fervenza de Noveira, algúns dos fermosos Recunchos da Costa.
Que permite Foliada
Foliada permite consultar letras, escoitar as pezas que contan con gravación, buscar por palabras ou procedencia e gardar favoritas. Tamén se poden crear e compartir repertorios, útiles para clases de canto, ensaios, foliadas ou xuntanzas.
Ademais, as persoas usuarias poden achegar letras e gravacións para seren revisadas antes da súa publicación. Gustaríame que a aplicación servise tamén para animar a compartir as cantigas que aínda se lembran nas casas e nas aldeas, conservando información sobre a súa procedencia.
As fichas recollen as fontes dos materiais. Entre elas está ogalego.gal, que autorizou a incorporación das súas cantigas facendo referencia á fonte.
Máis novas semellantes

