Alejandro Ares Méndez (11 anos), “O Betanceiro Voador”. Así coñecen a este novo piloto de Betanzos, tralos seus últimos éxitos. Tan só un ano despois de subirse por primeira vez a unha moto de competición, tras unha xornada de carreiras en Xogade cas Motos en xuño de 2025 na súa cidade natal, o mozo piloto completou unha tempada 2026 histórica que lle abriu as portas ao Campionato de España.
Formado na escola BS21 School (filial do centro de alto rendemento do Circuíto Aspar) baixo a dirección de Borja Sánchez, Alejandro Ares debutou oficialmente este ano na categoría IMR 90, acadando un dominio absoluto. En Galicia, coroouse campión da VF Challenge Cup tras conseguir a pole position en todas as carreiras e gañar 8 das 10 mangas ás que se presentou, cun segundo e un terceiro posto nas outras dúas.
O seu talento traspasou fronteiras cando competiu con licenza internacional no Campionato Nacional de Portugal, onde rematou cuarto na xeral, despois de participar só en tres das seis carreiras do calendario e conseguir a vitoria nas tres (Fátima, Vila Nova de Poiares e Castelo Branco). Tamén conseguiu a pole position nas tres carreiras, competindo contra rivais con maquinaria superior. Salto ao Campionato de España en 2027.

En recoñecemento á súa traxectoria e rendemento na pista, o piloto betanceiro foi seleccionado e becado cun 60 % por VF Timing para competir na Copa MIR (Campionato de España) de 2027 na esixente categoría MiniGP 110, unha das series de desenvolvemento máis prestixiosas do mundo e viveiro oficial de pilotos que aspiran ao Campionato do Mundo de MotoGP.
Ante este reto nacional, o seu equipo traballa agora para reunir o apoio necesario para cubrir os gastos de viaxe e técnicos dunha tempada que levará o nome de Betanzos polos principais circuítos de España e Portugal, mantendo ao mesmo tempo aberto á participación de empresas e comercios locais interesados en colaborar con el.

