InicioMOV. SOCIAIS“Non son clientes, son puteros e agresores”. A campaña do 25N da...

“Non son clientes, son puteros e agresores”. A campaña do 25N da Deputación

Publicada o

Por Redacción

Crúa e directa a campaña que da Deputación da Coruña polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Unha campaña que pon o foco no sistema prostitucional para cuestionar a mercantilización dos corpos das mulleres e avanzar cara a unha sociedade libre de violencias machistas.

Enmarcada na campaña anual “De fronte”, a programación inclúe actividades que se desenvolverán durante os vindeiros meses como materiais, obras de teatro, formación e accións de sensibilización. Así o lembrou a deputada, Sol Agra, nun acto que contou tamén coa lectura dun texto reivindicativo por parte de diferentes membros da corporación provincial.

“Como cada ano erguemos a voz contra todas as formas de violencia machista” comezou Agra. “Facémolo porque, malia os avances conseguidos, a desigualdade segue a marcar a vida de millóns de mulleres.” A deputada sinalou que a violencia machista “é unha realidade estrutural que se alimenta das desigualdades de poder, dos estereotipos de xénero e dunha cultura que, de maneiras máis ou menos visibles, continúa normalizando o control, a dominación e a cousificación das mulleres. E non podemos resignarnos a convivir con ela”. Así, sinalou que “non deixaremos que os dereitos conquistados sexan cuestionados, nin asumiremos que calquera forma de violencia contra as mulleres é inevitable. Ningunha debe ser tolerada nin normalizada e moito menos, negada”, e fixo referencia ás cifras: “este ano 47 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas e tres dos seus fillos canda a nai, unha nena de 12 anos degolada, un neno de 11 morto a machetazos e unha nena de 3 aforcada polo seus pais antes de matar ás súas nais. Isto non é ideoloxía de xénero, é machismo, e o machismo mata”.

Explotación sexual

Baixo o lema “Non son clientes, son agresores e puteros, e están ao teu carón. Míraos de fronte”, esta nova edición da campaña institucional do 25 de novembro, “DE FRONTE á violencia de xénero”, pon o foco na prostitución e na explotación sexual das mulleres, incidindo especialmente na responsabilidade dos homes que pagan por sexo e na normalización social da demanda: “Vivimos rodeadas de mulleres escravizadas para satisfacer sexualmente a homes que pagan a outros homes para que as sigan mantendo nese mercado de corpos e almas sometidas. Un negocio ilegal que poucas veces remata cos proxenetas na cadea, e que non impón ningunha sanción para os que o usan e sosteñen”. “Homes”, engadiu, “que  están ao noso carón, os puteros, son aceptados socialmente como consumidores de calquera outro produto que poda estar á venda, eles pagan por un servizo, o que hai detrás del non lles importa, ninguén os cuestiona nin os sinala.  Vai sendo hora de que a vergoña cambie de lado”.

A capacidade transformadora da educación

Ademais, a campaña incluíu un circuíto teatral pola provincia durante a semana do 16 ao 22 de novembro coa representación de “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro, unha peza dirixida por Laura Míguez e recoñecida co Premio Rafael Dieste 2021. A obra aborda a migración forzada e a trata de mulleres con fins de explotación sexual. As representacións, dirixidas principalmente ao alumnado dos centros de secundaria, foron acompañadas de coloquios coa ONG ACCEM Galicia.

A programación completarase a finais de xaneiro de 2027 cunha xornada formativa provincial centrada no sistema prostitucional e nas súas transformacións actuais. O encontro combinará o rigor académico, a experiencia profesional e o debate institucional, con conferencias e mesas de traballo sobre a demanda masculina, as novas plataformas dixitais, o papel da pornografía e a cultura sexualizada, os modelos xurídicos e de protección e a resposta das institucións e das entidades que traballan sobre o terreo.

A iniciativa, á que están adherida os 93 concellos da provincia, incorpora tamén o envío de material promocional para apoiar as accións locais de sensibilización.  Todos os materiais gráficos, audiovisuais e pedagóxicos estarán dispoñibles e actualizaranse progresivamente na web www.defronte.gal, que centraliza os recursos da campaña.

ÚLTIMAS

Récordo no Chuac: 1.000 transplantes desde o 1991

O equipo de transplante cardíaco do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) realizou o...

A primeira curta da herculina Ángela Andrada estréase con Premio

Falabamos a semana pasada de Garabato, a nova curta de Alicia Úbeda con Brava....

As cifras de inserción da Fundación Secretariado Xitano

Recibíu onte unha visita institucional a Fundación Secretariado Xitano, co gallo do convenio renovado...

A MMM convoca a manifestación do 25N no centro e a Plataforma PICUS na praza Pablo Iglesias

Este mércores é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e son varias...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here