Segundo o famoso dito, Santiago reza e Vigo traballa. Mentres, o que fai A Coruña é divertirse. Xustamente diversión non é o que vemos na fotografía. Pero esa diversión é a imaxe da nosa cidade, e non ten que ver tan só co carácter distendido dos coruñeses, senón tamén pola súa grande oferta de ocio e distracción: hoteis, cafés, restaurantes e moitos edificios adicados ó ocio e ós espectáculos, dende o século XIX ata os nosos días. Unha arquitectura alegre e vistosa, deseñada para a diversión e para non pasar desapercibida, que acabaría xerando esa imaxe de cidade alegre que recolle a tradición.
A primeira vista da nosa urbe chegando por mar sería unha liña de edificios destinados ó ocio. Xusto os que vemos nesta imaxe, nun segundo plano: A Terraza, o Kiosko Alfonso e o Hotel Atlantic. Nos dous primeiros celebrábanse bailes, cócteles, concertos, proxeccións cinemátográficas… e o Atlantic foi o hotel máis luxoso da urbe. Tras deles, os Xardíns, ateigados de xente paseando, que continuaban polos Cantóns, con hoteis e cafés por todas partes, ambiente festivo e despreocupado.
A Coruña era unha cidade próspera, punteira en Galicia, cunha burguesía enriquecida e ociosa, e cunhas autoridades liberais, que promovían a construción de equipamentos para fomentar a cultura e o entretemento. Pero tamén era unha cidade de contrastes e desigualdades. Dous mundos chocaban na Coruña de finais do XIX e inicios do XX. Por unha parte os banqueiros, terratenentes, armadores, empresarios e demáis na fantástica terraza do Atlantic, ó carón desas preciosas cúpulas, cunha vista impagable dos xardíns por unha beira e do mar por outra. Rindo e bebendo o que podería ser o café máis caro de toda a provincia. E a uns metros, alí abaixo, a outra cara da moeda. Lexións de desheredados, aprastados pola miseria do rural, que deixan atrás o seu fogar e chegan ó noso porto na procura dun futuro, embarcando cara América.
O autor da instantánea é o conocido fotógrafo coruñés Angel Blanco Villar, fundador de Foto Blanco. Tomouna no que hoxe en día é a Avenida do Porto. Aproximadamente fronte a porta da Deputación Provincial, na outra beira da rúa, case no edificio dos Cantóns Village. Alí, nese mesmo intre de 1925, ata cinco mandadeiras -sempre traballaban en grupo- están a carrexar uns bultos que semellan demasiado grandes para elas, pero seguro que son demasiado pequenos para meter neles toda unha vida. Dentro do que cabe, a elas tampouco vailles tan mal, non teñen que deixalo todo e marchar. As mandadeiras adicábanse a “facer mandados”, recados, recoller cousas, cargar bultos nos barcos, nos hoteis, levar cartas a correos, ou paquetes dos comercios ás casas… Eran parte desa clase traballadora que deixou o arado e mudouse ás cidades cercanas a buscarse a vida doutra forma, como tantos obreiros das factorías, ou da construción.
Elas carretan esas cousas ó barco onde moreas de xente está a deixar atrás a súa terra, xogándose o futuro a todo ou nada. E ó zarpar, na última ollada, con bágoas nos ollos, levan na retina os impoñentes e alegres edificios nos que a xente acomodada segue a rir. A Coruña segue ó seu.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.