Os Xardíns de Méndez Núñez xa están convertidos nun campamento de refuxiados no marco do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz. O completo programa formulado para esta intensa fin de semana trata de reflexionar sobre o odio, con 3 días de convivencia, empatía, reflexión… coa intención de ser un taboleiro no que a cidadanía poida recibir testemuños directos e decodificar a complexa realidade máis aló do ruído. Para que os asistentes poidan conformar unha conciencia crítica e apontoar a defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio como algo irrenunciable.
O programa do venres contará con relatores de excepción. O expresidente uruguaio, Pepe Mujica, participará no primeiro debate, que terá lugar ás 19.30 horas, entrando en streaming desde Uruguai, para falarnos do Odio como estratexia política. Compartirán mesa con el a responsable de Política Interior e investigadora de Amnistía Internacional, Virginia Álvarez –que falará de Odio e retroceso dos Dereitos Humanos, e o xornalista e alma mater do programa radiofónico Carne Cruda, Javier Gallego Crudo, que ademais de actuar como moderador analizará algo que coñece ben, o Odio nos medios e nas redes sociais. Este encontro poderá seguirse, ademais, en directo, a través da canle de Acampa pola Paz en YouTube.
Pero “Odio e Convivencia” abre varias horas antes. Así, será inaugurado ás 10.30 con Radio Acampa en directo, un programa extenso conducido por Isabel Risco e Ricardo Sandoval, con entrevistas, testemuños de persoas refuxiadas, participación de distintos colectivos que integran Rede Acampa e a actuación musical de “Las Antonias”.
Ás 12, noutro dos polos de atracción dos Encontros Internacionais, o campo simulado, realizarase a primeira visita guiada. Nesta ocasión reprodúcese un campo de refuxiados, un calquera, un deses moitos que son sistemáticamente arrasados polo odio e o lume. Será Marga González, de Amnistía Internacional, a activista que un ano máis se encargue destas visitas guiadas que se repetirán durante os días do encontro en distintos horarios.
Ás 12.30 o fotoperiodista Óscar Corral guiará unha visita por “Terra á vista?”, a exposición na que convida os asistentes a subirse de novo ao “Aquarius” na súa agónica viaxe, o daquel buque que en 2018, cargado de seres humanos exhaustos, vagou polo Mediterráneo mentres a Europa fortaleza negáballes un porto ao que arribar.
Actividades das distintas organizacións que integran a Rede
Moitas das organizacións que integran Rede Acampa dispoñen de carpas propias no Encontro, no que ademais programan diversas actividades de concienciación e difusión do seu labor. Así por exemplo, a oenegué Solidariedade Internacional Galicia, ás 12.30, poñerá en marcha o xogo “Non pases palabra” , no Palco da Música, e, durante toda a xornada, convidará a café e cacao de comercio xusto na súa caseta. Calquera que se achegue poderá, ademais, coñecer o mundo segundo a proxección do mapa de Peters. Á unha da tarde, e na carpa central, Amnistía Internacional entregará os premios aos Microrrelatos da Rede Escolas da organización.
Pola tarde, a partir das 16.45 horas e na sala de conferencias do Kiosco Alfonso, María Pérez e Rubén Sánchez, de Mundo sen Guerras, falarán sobre “A guerra e o discurso de odio”.
O VII Encontro Internacional Acampa pola Paz foi posible grazas ao apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial, a Universidade da Coruña, Emalcsa e Marea Atlántica (a través de Xanela de Proxectos) e a unha serie de colaboradores privados (Tórculo edicións, La Opinión da Coruña, Radio Coruña-Cadena Ser, Zenit Hoteis e Terras Gauda). Pola súa banda, o CIFP de Someso, o desgüace Bellagona, RETO e a ONG AIRE colaboraron na recreación do campo simulado de refuxiados.