Continuamos a serie de entrevistas coas Asociacións de Nais e Pais dos centros educativos da nosa cidade, para poñer en valor o seu traballo voluntario, pero tamén para denunciar a orfandade na que se atopan para xestionar elementos tan fundamentais na conciliación como son os servizos de madrugadores, comedor e extraescolares.
Porque como lembramos nestas conversas, o horario oficial que asume o sistema público de ensino é de 9:00h a 14:00. Que clase de conciliación podemos facer as familias que traballamos con 5 horas de atención educativa?
É aí onde teñen que aparecer as familias, a comunidade escolar, cun traballo na sombra, para conseguir un horario de conciliación de 8:00h a 18:00h, tirando moitas veces de empresas, e provocando así unha privatización encuberta do ensino público:
Xa visitamos o barrio de Monelos, para falar coas familias do CEIP Salgado Torres; estivemos en Monte Alto conversando coa comunidade escolar do CEIP Torre de Hércules, e tivemos unha máis que interesante entrevista coa ANPA Rasa do CEIP Ramón de la Sagra, en Monelos.
Hoxe voltamos a Monte Alto, para falar co ANPA Faro do CEIP Víctor López Seoane. Unha ANPA moi activa ademais nas redes, protestando polas carencias do seu centro, e mesmo participando, coas outras ANPAS do barrio, na petición aos grupos municipas dunha pista multideporte no barrio:
Promovendo o deporte nun Colexio (Victor Lopez) no que as pistas deportivas dan pena por falta de mantemento. Mais cumprimento de orzamentos participativos e menos fotos… @BNGACorunha @mareatlantica @ConcelloCoruna @PPCoruna @grupo_coruna https://t.co/eOoLh7bpty
— AnpaFaro (@AnpaFaro) November 7, 2023
- Pensades que vos corresponden ás competencias de organización de comedor e actividades extraescolares?
Pensamos que dende as 7.00h ou 7.30 ata as 15.00 ou 16.30h debería facerse cargo o estado e organizalo dende o propio colexio posto que para nós é un horario de escolarización-conciliación. Cremos que (polo menos no caso do noso colexio) se o colexio non tivese esta opción de comedor e madrugadores as liñas de clase veríanse disminuídas de xeito notable implicando iso un sobrante de medios materiais e humanos, sendo un prexuizo para o propio colexio.
- Cales son os cambios principais que proporíades ao respecto?
Consideramos que é a nosa obriga como Anpa a súa xestión. Pero na nosa andadura topamos con situacións que nos fan sentir un obxecto para facer recaer a responsabilidade de organizar as mesmas.
No caso noso, que o colexio non organice nin xestione comedor e extraescolares, gustaríanos que se nos recoñecera como parte fundamental do colexio e con capacidade de decisión igual á da directiva do centro, no que na parte non lectiva se refire. Cremos necesario que as Anpas se doten da autonomía para a toma de decisións que estas situacións requiren: eleccións de espazos, recursos e materiais entre outros. Agora mesmo estas situacións precisan da nosa solicitude e aprobación dende a directiva do centro (tendo en conta que as Anpas só queremos facer ás xestións necesarias para o desenvolvemento das actividades extraescolares fóra do horario académico.
- Cales dirías que son os problemas máis fundamentais aos que se enfronta unha ANPA?
Como Anpa tentamos e tentaremos sempre o mellor para o alumnado do colexio pero encontrámonos con moitas trabas para realizar este traballo xa que dende a Concellería e da directiva do colexio tentan involucrarse o mínimo posible no que as necesidades deses alumnos/as en horario de comedor/madrugadores e extraescolares se refire facendo que o noso traballo como Anpa sexa tedioso e moitas veces frustrante.
- Canta xente diríades que se implica na organización dos servizos da ANPA maís alá da Xunta Directiva?
Somos 11 na Directiva e vocais. Repartidos en comisión de comedor, comisión de extraescolares, comisión de eventos , enlace ca dirección do cole, encargad@ do blogue+clasificación de correos, encargad@ das altas e baixas de socios, presidenta, vicepresidenta, secretaria e tesoreir@.
Máis novas
ANPA Avantar: “Non debería recaer nas ANPAS a responsabilidade do comedor”
ANPA Avantar: “Non debería recaer nas ANPAS a responsabilidade do comedor”
ANPA Avantar: “Non debería recaer nas ANPAS a responsabilidade do comedor”