O aeroporto da Coruña liderou o aumento de viaxeiros nos aeroportos galegos durante o mes de xaneiro, cunha subida do 11,8%, ata 92.405 pasaxeiros, mentres que en Santiago esta cifra caeu un 7,2%, ata 199.165 usuarios, e o aeródromo de Vigo rexistrou 76.084 persoas, un 2,5% máis.
Así se desprende dos datos publicados este luns por Aena, que recollen que na Coruña, a gran maioría dos viaxeiros utilizaron voos comerciais (92.348), dos cales 86.221 realizaron traxectos nacionais e 6.127, internacionais, o que supón un crecemento do 12,4% e do 5,1%, respectivamente.
En cando ao número de voos, Alvedro rexistrou 1.151 operacións (un 4,3% máis que en xaneiro de 2023), dos que 756 foron voos comerciais (687 nacionais e 69 internacionais). A terminal de carga do aeroporto moveu ao longo do pasado mes 4,9 toneladas de mercadoría.
Pola súa banda, o aeroporto de Vigo contabilizou 76.082 usuarios de voos comerciais, sendo 72.958 viaxeiros nacionais e 3.124 escolleron destinos internacionais. Ademais, durante o pasado xaneiro 1.068 voos operaron na pista viguesa, dos cales 732 foron voos comerciais (622 a destinos nacionais e 110 a destinos internacionais). A terminal de carga de Peinador moveu en xaneiro 35,9 toneladas de mercadorías, o que supón un incremento do 17,6% con respecto ao mesmo mes do ano 2023.
Con todo, Santiago foi o único aeroporto galego que diminuíu as súas cifras en xaneiro respecto ao mesmo mes de 2023. A pesar diso, tratouse do segundo mellor mes de xaneiro da súa historia, só por detrás de 2023.