InicioA CORUÑAA unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Unha farsa

A unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Unha farsa

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Tivo lugar esta semana a segunda reunión da Comisión Especial de Bibliotecas, o órgano deseñado polo concello da Coruña para desenvolver a unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Un asunto laboral complicado, que leva enriba da mesa dende 2016, pero que segue absolutamente estancado.

A realidade, absolutamente descoñecida para a veciñanza, é que o pioneiro servizo, referente para moitas cidades do país, que ofrecen as Bibliotecas das nosa cidade, sofre unha realidade dual o que provoca unha rede que funciona a dúas velocidades.

Faise necesario abordar esa unificación, esa municipalización global da rede para poñer en valor e manter este tesouro que supón a Rede como elemento integrador do tecido social e cultural da cidade.

Pero a realidade é que a vontade que existe é mínima, como se deduce na nota de prensa enviada onte polo Concello trala celebración da reunión, na que fala de “prudencia e seguridade xurídica” ou de “analizar alternativas viables”, pero non dá nin un só dato dos pasos reais efectivos para sacar o proceso adiante.

Explicamos a longa situación:

Doble xestión

O asunto vén de raíz, e dunha clara falta de planificación. Aló polos anos 90, co PSOE no poder, despois do nacemento das primeiras e exitosas Bibiliotecas, e como medida de crecemento, o Concello optou, de xeito deslabazado e sen plan específico, por unha doble vía:

  • Unhas manteríanse con xestión directa, sendo funcionarias as súas traballadoras (son os casos das persoal das biblios do Castrillón, Estudios Locais de Durán Loriga, e Monte Alto).
  • Outras pasarían a ser xestionadas a través de empresas concesionarias (a Xeral de Durán Loriga, Sagrada Familia, Os Rosais, Ágora, Mesoiro e Fórum).

Mentres unhas traballadoras son funcionarias con praza, as outras (ata 69 fixas ademais das eventuais) dependen da empresa de turno. Estas xa tiveron problemas cos pagos en 2022 coa empresa que xestionaba o servizo, LTM Bibliotecas, pero dende decembro dese mesmo ano o Concello fixo un novo contrato con Ilunion, centro de emprego que principalmente se decica á lavandería industrial. Un contrato que xa está en precario, pois foi asinado por 2 anos máis un de prróroga, no que nos atopamos, de xeito que antes de decembro deste 2024 deberían sacarse novos plegos de contratación ou ben afrontar, de verdade, o proceso de municipalización.

Municipalición?

A realidade é que a día de hoxe non hai plan nin vontade por parte do goberno municipal, a pesar da creación da devandita Comisión Técnica en novembro. No seu momento, aló por 2016, A Marea intentou abordar a municipalización, e mesmo realizou un completo informe, pero finalmente o proceso foi boicoteado internamente, quedando sen apoios dos grupos da oposición.

A unificación segue dende entón como un dos acordos de goberno, asinado na pasada lexislatura entre PSOE e A Marea, e tamén no acordo de investidura deste ano entre PSOE e BNG.

”Están no acordo de investituda. Hai que cumprilo”, amósase tallante a edil do BNG, Mercedes Queixas Zas, a pesar de que “a iniciativa do goberno local vai moi lenta, e vai a golpe de impulso do BNG, e de feito chegou a convocatoria da segunda reunión da Comisión técnica despois de levar o tema ao pleno, preguntar, insistir…. Hai unha clara falta de impulso por parte do goberno local”, lamenta Queixas Zas, que lembra que van 9 meses de mandato ademais dos 4 pasados anos de lexislatura sen dar ningún paso concreto.

”É certo que é un tema complexo, pero hai que afrontalo”, apunta .”Unha política cultural importante empeza para coidar a cultura de base. E as Bibliotecas foron pioneiras e son un referentes, de animación a lectura, e de cohesión social”.

Problemas laborais e de funcionamento

Esta doble xestión provoca problemas reais no funcionamento da Rede de Bibliotecas, como recoñece Elisabeth Rodríguez, do Comité de Empresa do servizo bibliotecario de Ilunion. “Hai moitos problemas prácticos porque non se poden dar ordes conxuntas, por exemplo”, sinala. “Hai directrices comúns que non se poden desenvolver do mesmo xeito. Por exemplo, como convocas unha reunión dun grupo de traballo pola tarde ou nas fins de semana? Como coordinas dous grupos de traballoras pero que unhas teñen horario específico na Semana Grande ou horario de verán, pero outras non?”, sinala

A nivel laboral a cousa é moi diferente. Ademais da diferencia evidente de ser funcionarias a ser persoal contratado por case que unha ETT, cando piden melloras salariais ou de adecuación de horarios no convenio, atópanse coas “excusas de sempre: que se é un prego á baixa e dá perdas, que non hai cartos…”, lamenta Rodríguez. Bota en falta unha xerencia que saiba algo máis de Bibliotecas, xa que Ilunion realmente o único que fai é a xestión de persoal, e láiase que o Comité non teña presenza na Comisión Técnica do proceso de unificación.

”Non queremos ser funcionarias pola nosa cara bonita, pero si que queremos que se intente de verdade a integración”, conclúe.

Tampouco as Bibliotecas de xestión directa se atopan nas mellores condicións laborais. A tasa de reposición de baixas ou xubilacións é baixísima, e o Concello leva arredor de 20 anos sen convocar praza de Biblioteca. De feito, en varios casos tirouse dunha listaxe de auxiliar administrativo, que están traballando como bibliotecarias… “Un xeito de devaluar o servizo, cando o que debería é primar a atención á cidadanía”, quéixase Rodríguez.

A falta de plan

“Non hai un modelo claro do que queren facer”, conclúe Rodríguez. “Existen modelos como Arteixo ou Carballo, concellos de diferentes cores políticas, que apostaron pola xestión directa, pero aquí nin saben por onde ir. “E mira que sempre louban o noso traballo” (aínda onte o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro fachendeaba da Rede como “referencia a nivel nacional”), “pero despois non coidan o persoal, non aumentan o presuposto, non coidan os equipamentos que hai edificios que se caen…. non se está coidando o servizo, a pesar de estar sempre loubando o traballo da rede”, critica Rodríguez.

ÚLTIMAS

Detido un home en Cambre por acoso sexual e ameazas con arma branca

A Garda Civil de Cambre detivo a un home, de 68 anos, residente na Coruña como...

A “anormal” a situación que se dá en Galicia con respecto ao galego

A Biblioteca provincial da Coruña acolleu este venres a xornada 'Lingua con dereito. Dereito...

A borrasca Bert deixa fortes ventos e choivas en Galicia este domingo

A borrasca Bert porá este domingo a 12 comunidades en aviso por vento e...

A Comisión da Memoria Histórica pide á Xunta contundencia aos Franco pola apertura da Casa Cornide

AA Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) denunciaron a "permisividade e pasividade"...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here