InicioMOV. SOCIAISA Fundación Érguete-integración abre un espazo seguro para mulleres en exclusión social...

A Fundación Érguete-integración abre un espazo seguro para mulleres en exclusión social severa

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Indispensable o traballo que fan as traballadoras da Fundación Érguete-Integreación no Barrio das Flores. O seu punto de calor-café, no marco do proxecto Sísifo, significa, en moitos casos, o único punto de apoio que teñen centos de persoas da nosa cidade. Centos de persoas que viven na rúa, absolutamente fóra do sistema, que teñen no local de Sísifo, e nas Carolina ou Sueli a súa única axuda.

Cada día pasan por alí persoas sen fogar e/ou en situación de exclusión social severa, para recibir algo de comida, abrigo e hixiene (duchas, almorzo, armarios para gardar as súas pertenzas, etc.); para recibir medidas preventivas para evitar a transmisión de ITS (distribución de preservativos e kits hixiénicos, intercambio de xiringas, realización de probas rápidas de detección de VIH e hepatite C, cursos de sensibilización, etc.); ou simplemente para falar, para recibir información útil, apoio psicolóxico ou orientación laboral. Un papel que desenvolven con absoluta dedicación, derivando a outros recursos cando é preciso, e posible.

Ao longo do pasado ano, as profesionais atender 951 persoas nesta situación, das que 231 eran mulleres (pouco máis do 24%). Mais, aínda que elas representan unha minoría, a súa vulnerabilidade é moito maior e os recursos dispoñibles máis limitados.

De aí o novo proxecto de autocoidado que está abrindo a entidade no seu local coruñés, e que de acadar resultados satisfactorios, poderá ampliarse a outras zonas nas que a Fundación desenvolve a súa actividade.

O novo espazo non mixto

O novo proxecto de creación dun espazo de apoio para mulleres en exclusión severa sen fogar pretende mitigar a falta de recursos específicos para este colectivo. Dous venres ao mes, unhas seis mulleres reúnense no local que a entidade ten no Barrio das Flores e, co pretexto de acicalar a súas mans e pintar as uñas, comparten vivencias, dificultades que afrontan na súa vida cotiá, experiencias persoais, etc. “Aquí temos un sitio no que distraernos, falar das experiencias do día a día, esquecernos dos problemas e desestresarnos”, comenta unha das participantes.
Trátase dun grupo de apoio e autocoidado no que, ademais, as técnicas da entidade procuran abordar, de xeito guiado, temas diversos, centrándose especialmente en cuestións relacionadas coa autoestima e a autoconfianza, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.

As participantes, mulleres sen vivenda e/ou que afrontan graves dificultades económicas, laborais e persoais, eran xa usuarias doutros programas da entidade. Moitas delas acoden practicamente a diario ao servizo de Calor-Café, no que se lles ofrece un pequeno almorzo e un espazo para asearse e lavar a súa roupa, ademais de orientación sociolaboral, apoio psicolóxico ou acompañamento na realización de diversos trámites.

Dende un comezo estableceuse como requisito fundamental ofrecer un espazo non mixto no que as mulleres puidesen sentirse máis cómodas e abrirse con maior facilidade para abordar dificultades e preocupacións comúns. Porque a realidade é que na maioría das ocasións, atópanse con espazos masculinizados, que non contan con preparación para abordar as súas necesidades específicas e nos que non se senten seguras. Isto deriva, en moitos casos, no abandono dos recursos, agudizando o estado de exclusión.

Como elas mesmas recoñecen “podemos tratar temas nos que non nos sentimos tan cómodas se hai homes”. Ademais, a actividade fomenta a creación de lazos entre as participantes, e a intervención de profesionais con experiencia permite detectar situacións problemáticas e intervir nun entorno no que se senten seguras e arroupadas.

Finalmente, proxectos coma este contribúen á creación de redes de apoio mutuo, e facilitan que as propias participantes sirvan de referencia a outras mulleres que, por descoñecemento, incomodidade, temor, etc. non recorren a servizos que poderían servirlles de soporte ou como impulso para mellorar a súa situación.

A INVISIBILIZACIÓN E DESPROTECCIÓN DAS MULLERES SEN FOGAR

A pesar de estar en situacións de extrema exclusión, dende Érguete sinalan que os estudos dos que dispoñemos acerca das persoas sen fogar invisibilizan as circunstancias das mulleres. Na maior parte das ocasións, utilízase o termo “persoas sen fogar” aludindo exclusivamente a aquelas persoas que dormen na rúa ou en albergues, descartando outras exclusións residencias que non afectan á ocupación do espazo público. Entre as mulleres, sen embargo, este fenómeno adquire habitualmente un carácter encuberto: na procura de evitar espazos que perciben como hostís (rúas, albergues, etc.), acoden en maior medida a aloxarse temporalmente en casas de familiares, amizades ou coñecidos, en moitas ocasións soportando durante longos períodos de tempo situacións de abuso e malos tratos.

De feito, as mulleres en estado de exclusión social severa están moito máis expostas a sufrir violencia que os homes en circunstancias similares. Segundo o INE, o 24,2% das mulleres sen fogar teñen sido vítimas de agresións sexuais. Así mesmo, datos ofrecidos polo Observatorio HATEnto mostran que o 60% sufriu algún delito de odio a causa da aporofobia, fronte ao 44,1% dos homes. Tamén un traballo da Universidade de Barcelona publicado en 2019 apunta a que o 70% sufriron violencia de xénero e, segundo unha investigación realizada pola asociación AIRES no mesmo ano, un 60% das mulleres sinalan os episodios de violencia contra elas como causa directa da súa situación de senfogarismo.

 

Máis novas sociais

Un Nadal quente co punto de calor-café de Sísifo no Barrio das Flores

A Fundación Érguete recibe o premio de Boas Prácticas da UNAD convertindo usuarios con adiccións en Axentes de Saúde

Institucións Penitenciarias recoñeceu o papel da Fundación Érguete polo Día da Mercé

A Fundación Érguete, Agalure, AFACO e a Fundación Mulleres, os premios socias da Deputación

 

Touriñán, entrevistado polos intern@s do CP de Teixeiro: “O que quero, na vida e no traballo, é seguir xogando como un neno”

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here