A maioría da poboación migrante feminina procedente de Venezuela nos últimos cinco anos pasa un longo período na economía informal, con contratos verbais, e que o emprego formal que se dispón é no sector da limpeza, coidados ou hostalería, onde as condicións laborais son precarias en Galicia pola baixa remuneración.
Esta é unha das máis importantes conclusións do informe sociodemográfico sobre a migración feminina venezolana, que vén de presentar nas oficinas de Amnistía Internacional na Coruña, o Centro Venezolano de Formación e Investigación Laboral en Galicia (CEFILVEGA).
Unha crúa realidade para eses milleiros de mulleres que, buscando un futuro mellor, elixen Galicia como o seu novo fogar. Mulleres que nunha porcentaxe importante, o 30%, son galego-españolas, e máis da metade teñen dobre nacionalidade, xa que son venezolanos de nacemento e descendentes da emigración galega a Venezuela durante o século XX.
A porcentaxe de retornados ten residencia, mentres que o 70% das mulleres con nacionalidade venezolana aplica ao arraigo, se é o caso, ou optan por solicitar asilo. Desde a súa valoración do proceso de regularización, CEFILVEGA calcula que hai 14.000 mulleres “con papeis” en Galicia ou en proceso de obtención da autorización de traballo.
Retornadas, solicitantes de asilo ou con raíces, máis do 70% posúe título universitario, un 15% técnico e un 23% bacharelato. Ademais, teñen 10 ou máis anos de experiencia laboral en varias áreas.
Esperanza Hermida, presidenta do CEFILVEGA, sinalou que o recoñecemento dos estudos universitarios estranxeiros leva entre dous e cinco anos ou máis, mentres que algunhas titulacións non están recoñecidas e, en xeral, as mulleres de Venezuela están infravaloradas con respecto aos países da UE. Unha das grandes discriminacións que sofren estas mulleres que lles obriga a transitar na precariedade e na economía sumerxida, tendo en conta que a formación subvencionada está dirixida unicamente a persoas con permiso de traballo e inscritas como demandantes de emprego, excluíndo as que están en proceso de regularización.