InicioECONOMÍAMobilízanse contra a OPA hostil do BBVA ao Banco Sabadell

Mobilízanse contra a OPA hostil do BBVA ao Banco Sabadell

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Fartos estamos os ouvintes radiofónicos das leas entre bancos. E fartos están os profesionais da banca de vivir con incerteza o novo proceso de concentración que está sufrindo o estado co OPA hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell.

Unha OPA á que se opuxeron cunha concentración este mércores delegadas e delegados da CIG-Banca, para reclamarlle ao Goberno español que non permita que se leve a cabo polas repercusións negativas que tería para o emprego, a cidadanía e as pequenas e medianas empresas.

A CIG desenvolveu tres concentracións consecutivas, comezando diante do edificio da Delegación de Goberno na Praza de Ourense, e trasladáronse despois ás oficinas principais do BBVA e do Banco Sabadell na zona dos Cantóns.

A seccións sindicais da CIG en amabas entidades advertiron que “a operación suporía unha nova reestruturación do sector financeiro (que dende a crise de 2008 xa sufriu unha dura reconversión), a destrución de centos de postos de traballo e máis peche de oficinas, especialmente no rural e nos barrios das cidades”.

Puxeron cifras, xa que en Galicia, BBVA conta con arredor de 800 empregadas e empregados, mentres que no Banco Sabadell traballan unhas 400 persoas. Pola experiencia de operacións anteriores deste tipo “o que ocorre é que se elimina un volume de emprego equivalente ao cadro de persoal da entidade absorbida”.

Alén da perda de emprego, a OPA, subliñaron Miguel Fernández e Miguel Lis, responsábeis da CIG no BBVA e Sabadell respectivamente, aumentaría as dificultades da clientela no acceso a servizos bancarios, con redución da competencia e máis atrancos ao creto.

Un sector que ten características de “oligopolio”

Lembraron que o sector financeiro é estratéxico para a economía, pero no Estado español ten características de oligopolio, polo que “a aprobación de calquera fusión, incluída a OPA, afondaría nesta liña”. No caso de Galicia, cun alto grao de concentración bancaria, a OPA suporía deixar unha cota superior ao 90% do mercado bancario en só 5 entidades.

Como exemplo do funcionamento do sector no Estado, apuntaron que a suba dos intereses do BCE non repercutiu na clientela, pois mentres se disparaban os intereses dos préstamos, non se compensaba na mesma medida a retribución ao aforro. Ademais, as entidades practican a mesma política de préstamos, “obrigando á contratación de produtos que a clientela non demanda, e encarecendo o financiamento á empresas e particulares”.

 

ÚLTIMAS

As obras do centro cívico e centro de saúde de Santa Lucía comezarán antes de que remate o ano

Anunciou onte o Concello da Coruña a saída a concurso das obras de rehabilitación...

Unanimidade no Parlamento para pedir á Xunta coordinarse co Concello de Oleiros para mellorar unha estrada

O Parlamento de Galicia pediu á Xunta, por unanimidade dos grupos, que se coordine co...

A Ministra de Vivenda sobre as vivendas de Xuxán: “non faltan recursos económicos” para resolver a situación

A ministra de vivenda, Isabel Rodríguez, sinalou que o director xeral de vivenda e...

Pequeno lume forestal na saída do aeroporto de Alvedro tras arder un coche

Un incendio rexistrado nun vehículo na AC-14, na saída do aeroporto de dirección A...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here