InicioCULTURACarmucha VST, a primeira ferramenta virtual para percusión galega está feita por...

Carmucha VST, a primeira ferramenta virtual para percusión galega está feita por un coruñés

Publicada o

Por editor

A música tradicional galega xa ten unha nova ferramenta virtual. O músico coruñés Carlos Lijó ultima estes días “Carmucha VST”, a primeira ferramenta dixital que de maneira libre, accesible e de balde achega a calquera persoa o son de instrumentos como a pandeireta, o tamboril ou o pandeiro para a creación de novos ritmos.

“A idea é poñer ao dispor do mundo da produción musical moderna os nosos ritmos tradicionais e que calquera creador poida mesturalos con estilos contemporáneos de maneira fácil”, explica o impulsor do primeiro VST creado integramente en Galicia. Ou o que é o mesmo, “un plugin para a música que é, ao tempo, unha homenaxe a todas aquelas persoas que mantiveron viva a tradición durante xeracións” engade. “Carmucha VST” tamén está pensado para facilitar o traballo daqueles profesores de baile á hora de que os seus alumnos e alumnas practiquen os pasos e tamén para ensinar os ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro nas aulas.

Calquera usuario da aplicación poderá acceder a patróns rítmicos autóctonos (muiñeira, pandeirada…) e arrastralos facilmente a calquera secuenciador, dispoñendo de controis dinámicos para personalizar cada golpe (ataque, volume, cola…). Tamén ofrecen efectos integrados (reverb, compresor ou ecualización). Outra das características é que eses patróns preséntanse en dobre formato: VST, para o seu uso en programas de produción musical e Standalone, como aplicación independente, unha versión especialmente útil, como explica o seu creador, para academias de baile tradicional que con “Carmucha” poderán practicar os pasos con acompañamento rítmico galego e adaptable á velocidade que desexen.

Os impulsores de “Carmucha VST”, Carlos Lijó (Lijas Virtual Sampler) e MOB Studios, confían en poder lanzar a primeira versión pública xa en setembro e que calquera interesado poida descargala desde a súa páxina oficial, de balde, a partir dese mes.

ÚLTIMAS

Arquivada a denuncia de dúas exconcelleiras no PSOE por presunto acoso laboral por parte da alcaldesa da Coruña

O PSOE arquivou a denuncia que dúas exconcejalas socialistas, Esther Fontán e Eva Martínez...

A Xunta sorteará en setembro 50 vivendas de alugueiro accesible en Xuxán

A Xunta sorteará o vindeiro 9 de setembro un total de 50 vivendas de...

Sindicatos denuncian que empresas do sector hostaleiro na Coruña ofrecen aumento de soldo se non se fai folga

Os sindicatos convocantes da folga no sector hostaleiro da Coruña --CC.OO., UXT e CIG--...

Alfaroleiros arrinca este mércores en Santa Cruz con cinco días de olería, cultura e tradición

Oleiros inaugura este mércores, 5 de agosto, a XXXII edición de Alfaroleiros, unha das...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here