- Segundo un estudo realizado polo catedrático Elisardo López Varela, en Caión rexístrase a maior porcentaxe de uso do galego escrito nas inscricións funerarias dos lugares máis próximos á cidade da Coruña.
- A tendencia do uso do galego nos camposantos segue a ser emerxente, segundo confirma o Modelo Burela na iniciativa educativa “Palabra e Memoria”
— — —
Desde que en outubro de 2024 o xornalista David Canto Veiga fixese público o proxecto da “cartografía do uso das linguas” nos cemiterios galegos, ao longo e ancho dos 313 concellos comezou a actuar unha auténtica “selección galega de visualización dos camposantos”. O seu obxectivo: visualizar os epitafios, facer recollida dos máis chamativos e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo pormenorizado.
Despois da recollida de datos de máis de 80.000 familias, repartidas por 245 termos municipais, a iniciativa educativa “Palabra e Memoria” observa que a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras “muller”, “home”, “fillos” ou “netos” teñen tendencia emerxente. O cambio, recente, débese ao relevo xeneracional e á mellora na atención das empresas funerarias. Persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que respousan definitivamente os seus parentes (co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma) e pasan tamén a ter cargos de responsabilidade nas empresas do sector, o que facilita a superación de vellos obstáculos.
Nas comarcas da Coruña e das Mariñas, foi un albanel -Enrique García-, que exerceu como enterrador en varias parroquias comprendidas entre Pontedeume e Betanzos, quen comezou o traballo de campo. Despois de participar con Xoán Manuel Vidal Casal no estudo do patrimonio documental de Bemántes (Miño), observou máis de 12.000 inscricións colocadas por 3.000 familias nas parroquias de 6 concellos. Os resultados do uso da lingua galega estaban entre o 1 e o 5%. Con todo, eran superiores aos rexistrados polo filólogo Diego Cabarcos, da UDC, nas parroquias de San Pedro de Visma e San Cristovo das Viñas (0’7%), pola profesora Xema Sanxurxo en Oza ou pola escritora Emma Pedreira en Sada.
Despois das visualizacións realizadas por diversas persoas en parroquias de Abegondo, Culleredo e Oleiros, a sorpresa saltou en Caión.
Caión
O grande equipo de visualización no que participan de maneira altruísta máis de cen persoas repartidas polas catro provincias contou coa colaboración dio catedrático Elisardo López Varela, que recolleu información en Sorrizo (Arteixo), onde revisou un total de 154 propiedades e localizou unicamente tres familias que desen o paso a redactar en idioma galego as mensaxes de recordo. A porcentaxe, un pouco inferior ao 2%.
En Caión, no concello da Laracha, o panorama é diferente. O ex-director do Instituto Eusebio da Guarda revisou en pormenor as 429 lápidas dos 110 panteóns familiares e rexistrou 30 mensaxes escritas ao estilo da que recorda a escritora Rosalía de Castro desde 1891. Nalgúns panteóns están todas e noutros combínanse os dous idiomas, sendo o galego o que está nas máis recentes. Atendendo ao criterio temporal, a máis antiga é de 1992, a maior parte son posteriores a 2020 e o ano máis repetido é 2024.
Este 18% dos epitafios en galego están na liña do 19% recopilado por Ester Castro García en Cabaleiros (Tordoia) e lixeiramente por encima dos estudados por Xosé Caamaño Andrade en Santa Comba, A Baña, Negreira, Mazaricos e Val do Dubra.
Cartografía dos cemiterios galegos
Toda esta información recollida polo equipo coordinado por David López está publicada na “Cartografía do uso do galego nos camposantos”, que contén información sobre máis de 80.000 familias repartidas por 245 concellos. O proceso continúa aberto á colaboración cidadá.
- Artigo realizado dende o proxecto Modelo Burela.