InicioCULTURAJulia Abalde, creadora: "A autoedición permite crear formatos máis arriscados e con...

Julia Abalde, creadora: “A autoedición permite crear formatos máis arriscados e con máis xogo”

Publicada o

Por monchomarino

Julia Abalde é a gañadora do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine 2024-2025. O seu traballo titúlase ‘La Ilusión’ e recolle un poemario ilustrado que autoeditou ela mesma. Nesta entrevista fala da orixe do seu fanzine e de como se pode ir xestando unha idea que cristalice nun fanzine. Tamén describe como ve e interpreta o actual mundo da autoedición e da evolución dos medios cos que se pode crear un fanzine.

  • Recibiches o II Premio Autobán ao Mellor Fanzine 2024-2025 e quixera pedirche que me describises o teu fanzine ‘La Ilusión’.

É un proxecto moi persoal e a súa orixe é algo anterior pois eu teño o hábito de escribir poesía desde hai anos. Daquela, digamos que xa tiña a inquedanza de compartir os meus poemas, é certo que participei en ciclos abertos ou recitais mais nunca publicara os meus poemas. En relación a isto, tiña un proxecto anterior de poemario que aínda está en proceso mais a raíz dun suceso persoal comecei a escribir arredor das emocións que me invadían naquel momento. Aí foi cando dixen: “con estes textos quero facer algo, quero darlles unha forma” e case se converteu nunha idea obsesiva querer materializar a idea. Tamén foi un xeito de procesar o que estaba vivindo, escribir os poemas, escoller as palabras acaídas e as combinacións acertadas ou “acompaño con esta imaxe ou con esta outra”, todo iso ten un aquel obsesivo co que estás facendo. Ao final, esa conxunción de elementos axudoume porque en vez de obsesionarme coa vivencia persoal volqueino todo en fiar este libro.

  • Mentres redactabas o poemario estabas xa coa idea da autoedición en fanzine?

Era a única idea que tiña en mente, nunca pensara en levalo a unha editorial. No campo da poesía non teño percorrido, ademais, eu escribo de maneira moi intuitiva e tamén o fago por gusto, non teño a inquedanza de ser profesional nese ámbito. Por todo isto pensei nunha cousa máis feita por min e tamén pensei nos meus tempos. Previamente á idea de realizar o poemario estaba a realidade de que eu tiña moito traballo escrito e moitas ideas de ilustración, entón pensei: “debo darlle unha saída a todo isto”. Ademais, cando queres sacar adiante un proxecto cunha editorial os tempos son máis longos. Por iso, cun tema tan persoal non me sentía cómoda neste escrutinio de “interesa, non interesa”. A min si me interesaba sacalo adiante e, como é un formato híbrido, porque ten ilustración e poesía tampouco sabía se hai editoriais interesadas nesa mestura. Por outra parte, xa tiña experiencia en fanzines e estaban aí os amigos da imprenta ‘Man Chea’, había recursos e xente que me podían axudar a darlle forma ao libro e por iso, desde o inicio, xa tiña claro que quería autopublicalo eu.

  • Para ti que é un fanzine?

Como exemplo, pensaba que o meu poemario non gañaría o premio porque non se consideraría fanzine, tiña ese convencemento mais como estaba autoeditado dentro do prazo e decidín presentalo, desta maneira tamén haberá máis xente que poda velo. E sobre o fanzine entendo que é unha publicación autoeditada. O concepto de fanzine ampliouse moito durante as últimas décadas pois os seus inicios foron os dunha publicación moi amadora e feito con medios fóra da industria editorial e, isto é unha percepción miña, agora que máis xente ten formación en estudos sobre expresión plástica (fotografía, pintura etc.) é posible crear fanzines con acabados máis elaborados debido ás moitas maneiras de imprimir. Quero dicir, agora podemos ter un orzamento pequeno mais podemos imprimir cunha calidade maior que os fanzines de hai décadas. Poderíase dicir que o fanzine é unha publicación autoeditada cunha intención máis expresiva do autor que de ánimo de lucro e de compartir e facer comunidade.

  • Sobre a autoedición, como sentes este actuar no medio do mar de editoriais pequenas e grandes que existen? Sentes como se a autoedición fose vista como un acto egocéntrico?

A autoedición é un recurso que os artistas poden empregar sempre que encaixe coa súa actividade profesional. Os xuízos doutras persoas sobre a autoedición realmente non teñen relación coa intencionalidade do artista. Sei de xente con experiencia publicando en editoriais grandes e cun ‘nome’, mais que seguen autoeditando traballos porque autoeditar pode permitir formatos arriscados, máis experimentación, máis xogo e isto permite facer cousas máis lixeiras, non ten que ter un proxecto moi acabado senón que poden ser pequenos e despois xa pode publicar algo máis longo. Coa autopublicación consegues cousas que coa publicación editorial non serían o mesmo, mais son dúas posibilidades válidas cada unha coas súas virtudes e coas súas carencias. Penso que se tes inquedanza por facer cousas, por que non facelas? Tamén hai xente moi prexuizosa que cando ve traballos autoeditados parecen estar dicindo: “quen che deu dereito para facer isto?” Se nos deixamos levar por cuestións coma esta a historia da arte non existiría. A maioría de artistas comezaron a escribir, pintar ou debuxar moito antes de que alguén mostrase un interese polo que estaban facendo. Creo que se tes desexos de facer cousas faias, non tes por que cortarte.

  • Como valoras a perspectiva que se pode ter sobre os fanzines e, dentro deles, cal é o estilo máis extendido dentro deste círculo creativo?

Non sabería dicir porque é un ámbito tan amplo e tan diverso que cando participas en feiras de fanzines ves moita diversidade e vas identificando diferentes tipos. Hai publicacións sobre fotografía, experimentacións con formato de libro, deseño ou cómic con todas as súas variantes. É unha área moi diversa e iso é o marabilloso e interesante dos fanzines e das feiras pois son lugares onde podes enriquecer o teu imaxinario. Adoro estes encontros porque son unha maneira de medrar como artista e facer comunidade con outros creadores.

  • Agora vén unha pregunta moi trascendente, cal é o teu barrio da Coruña?

Crecín en Matogrande, mais o meu pai é de Vigo e a miña nai é coruñesa de toda a vida. A miña avoa materna era da Cidade Vella, onde vivo agora mesmo. Se tivese que dicir un barrio, sería a Cidade Vella. Con Matogrande non che teño agora moita relación mais estudei no Instituto Monelos e fun ao ‘Colexio María Pita’ ao pé de Elviña.

ÚLTIMAS

A Xunta de Compensación “Parque de Oza” presenta o borrador do PERI da urbanización do Castrillón

Novo paso adiante no proxecto de urbanización do Castrillón. Un proxecto que leva máis...

A Batalla de Bandas do XXVII Concurso de CUAC FM ratifica o poder das bandas locais

Acolleu este sábado a Sala Mardi Gras a finalísima da Batalla de Bandas do...

Un helicóptero rescata de madrugada aos 11 mariñeiros dun pesqueiro que se afundía na Coruña

Salvamento Marítimo rescatou na madrugada deste domingo aos 11 tripulantes do pesqueiro Ray Primeiro,...

Xuízo a porta pechada contra un acusado de captar unha menor para material de abuso sexual

A Audiencia Provincial da Coruña celebrará o venres o xuízo, a porta pechada, contra...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here