- Artigo de Eva Ovenza Pereira, psicóloga especializada en políticas públicas de igualdade de xénero
— — —
Cada ano, milleiros de persoas participan na Carreira da Muller, un evento deportivo e solidario que busca visibilizar a loita contra o cancro de mama e recadar fondos para a súa investigación. O que comezou como unha iniciativa de apoio e concienciación converteuse nun fenómeno social de gran alcance. Porén, o seu impacto non está exento de aspectos que cómpre revisar desde unha perspectiva de xénero crítica, positiva e transformadora.
Entre os elementos máis valiosos destaca o impulso á investigación dunha enfermidade que afecta maioritariamente a mulleres e que, durante décadas, foi infrarrepresentada nos estudos médicos. A carreira promove o deporte feminino, a ocupación do espazo público e a creación de redes de apoio entre mulleres, xerando espazos de diálogo, empatía e concienciación social sobre a saúde, os coidados —médicos, físicos, mentais, familiares e comunitarios— e a prevención do cancro de mama.
Con todo, tamén existen aspectos que merecen unha revisión máis profunda. A estética rosa e a visión binaria que predominan no evento reforzan estereotipos sobre o feminino asociados á docilidade e á fraxilidade, invisibilizando outras formas de ser muller e excluíndo a persoas trans, non binarias ou mesmo homes con cancro de mama. A falta de linguaxe inclusiva en moitas edicións, que se dirixen exclusivamente a “mulleres” sen aclarar se se inclúen identidades diversas, reproduce unha visión cisnormativa do xénero. Ademais, algunhas marcas poderían aproveitar o evento como escaparate publicitario, sen compromiso real coa causa nin coa igualdade, convertendo a solidariedade en marketing emocional.
Para que a Carreira da Muller sexa unha ferramenta de transformación social real, cómpre introducir cambios que garantan a inclusión e o respecto á diversidade. É fundamental empregar unha linguaxe clara e inclusiva que incorpore símbolos e cores que representen a pluralidade de corpos e vivencias; establecer protocolos que aseguren a participación en condicións de igualdade; e ofrecer categorías abertas para homes, persoas non binarias e acompañantes, permitindo que familias e amizades corran xuntas, visibilizando a importancia dos apoios.
Tamén, sería positivo visibilizar os dorsais solidarios como ferramenta simbólica para expresar que a causa é de toda a sociedade, independentemente do sexo, xénero ou identidade das persoas participantes. Do mesmo xeito, poderíase mellorar a accesibilidade para garantir a participación plena de persoas con discapacidade cognitiva, sensorial ou física, incorporando percorridos adaptados, sinalización sinxela con opcións auditivas e subtitulados, espazos de descanso e regulación sensorial, así como a eliminación de barreiras dixitais nos procesos de inscrición e comunicación.
A transparencia na xestión dos fondos recadados —a través das inscricións, dorsais solidarios, patrocinios, colaboracións e stands— e a información clara sobre o seu destino deberían constituír un compromiso público e verificable, como mostra de responsabilidade coas persoas participantes e ética social.
A nivel estratéxico, sería oportuno desvincular o evento da promoción de produtos asociados a estereotipos sexistas como a cosmética, produtos de hixiene feminina íntima, descontos en marcas de moda, beleza ou alimentación “fit” que asocian a saúde con cánones estéticos corporais, tradicionalmente ligados ás mulleres, e traballar exclusivamente con marcas e empresas patrocinadoras que avalen o apoio á investigación do cancro e sexan responsables coas políticas de xénero a través da súa responsabilidade social corporativa. Só así se poderá garantir que o evento teña un compromiso real coa igualdade.
Así mesmo, cómpre revisar os slogans e mensaxes comerciais, creando un código ético comprometido co cancro de mama e coa igualdade de xénero. Frases como “Hoxe gañan as chicas” poden resultar infantilizantes para as mulleres sobreviventes de cancro e banalizar a complexidade da enfermidade.
A Carreira da Muller pode e debe evolucionar cara a unha proposta máis plural, crítica e transformadora. Non abonda con correr por unha causa tan importante como o cancro de mama: cómpre correr cara a unha sociedade igualitaria e diversa que recoñeza todas as formas de ser, de existir e de resistir.

- Eva Ovenza Pereira. Psicóloga especializada en políticas públicas de igualdade de xénero.