Eran as 5 da madrugada do 4 de outubro do 1970, cando o pesqueiro “La Isla” colidiu coas cons situadas aos pés da Torre, afundíndose de contado entre a canle que forman o illote do Boi e a pedra da Vaca. Dos 15 tripulantes que ían a bordo deste gransoleiro coruñés, só houbo un supervivente.
Unha arrepiante traxedia entre as xentes do noso mar aos pés do faro máis antigo do mundo en funcionamento que acadou axitar as altas esferas e amosou a fartura da grande familia mariñeira do país, no que atinxe á falla de medios de salvamento.
Na véspera do San Xoán do 1971, creábase no peirao das Ánimas, no porto da Coruña, a primeira base da Cruz Vermella do Mar, na historia de España.
No ano 1972, membros da Garda Civil recibirían formación e adestramento para efectuar rescates no mar e nas augas interiores, polos míticos mergulladores do GRAS (Grupo de Rescate e Auxilio Subacuático) do Clube do Mar de San Amaro, que xa eran mergulladores de rescate voluntarios, dende facía una ano, na base da Cruz Vermella coruñesa. Este feito, será nin máis nin menos, o cerna do nacemento anos despois das famosas GEAS da Garda Civil.
No ano 1973 producíase o impensable: o 21 de marzo era entregado na base de Alvedro o helicóptero Puma Aloutte III do SAR (Servizo Aéreo de Rescate), o primeiro na historia destinado ao noroeste peninsular. O 26 de xuño arriba ao porto da Coruña, a primeira lancha de salvamento marítimo autoadrizable na historia de España: a famosa “Blanca Quiroga” (Mención especial merece o señor Dotras Lamberti, cónsul de Francia na Coruña, que foi o verdadeiro impulsor da chegada desta embarcación de salvamento á base da Cruz Vermella, situada no peirao das Ánimas) que, hoxe, retirada xa hai anos do seu excelente servizo a prol da xente do mar, fica coma monumento no parque de San Pedro.
Todos estes medios de salvamento dos que foi dotada a cidade da Coruña e, que ao ano seguinte comezarían a enviarse a outros portos da península, foi grazas ao legado que nos deixaron os náufragos do “La Isla”, que non morreron en van…
O vindeiro sábado cumplirase o 55ª aniversario deste naufraxio e lembrareino achegándome á Torre, lugar onde nacín e onde medrei escoitando as historias dos percebeiros e dos míticos mergulladores do Clube do Mar de San Amaro e do GRAS, homes e Clube inherentes á traxedia marítima do “La Isla”.
No xardín interior do Clube do Mar hai unha áncora do “La Isla” e unha placa conmemorativa do naufraxio adicada á memoria dos 15 náufragos e as súas familias…
Os mergulladores Tito Diehl, Pachucho Lodeiro, Pirulo Ferreiro, Luís Salleres e Pepe Freire, xunto ao mariñeiro José López Varela, Pepiño, (todos socios do Clube do Mar de San Amaro) son os heroes deste libro. Son historia da nosa historia marítima.
Somos salitre.
- Fernando Patricio Cortizo (Monte Alto, 1972). Activo colaborador de prensa escrita, radio e redes, especialista na historia do noso mar e dos nosos naufraxios, e alma da Asociación Cultural Naufraxios Galegos.
