Aló polos comezos de século, houbo un grupo de ciclousuarios na Coruña que soñaban cunha rede de carrís bici por toda a cidade; cun servizo municipal de préstamo; cun taller social onde reparar as bicis… Soñaban que paraban nun semáforo e houbese quen pelexara pola pole position, soñaban con poder levar ás súas crianzas a dúas rodas de xeito seguro dende Monte Alto ata o CHUAC…
E non quedaban en soñalo. Para conseguilo xuntábanse os primeiros venres ás 20:00 na Praza de María Pita, para facer ruído e deixarlle ver aos coches e á sociedade, que as bicis xa estaban aquí, que a Coruña estaba a convertirse xa nunha cidade europea en materia de mobilidade.
Pasaron 20 anos dende a fundación do grupo Masa Crítica Coruña. Un colectivo herculino formado por xentes de diferentes procedencias, que se unían a este movemento global para reivindicar á Coruña como unha cidade ideal para que a bici se convertise nun vehículo de transporte urbano ideal, como se ten demostrado na última década.
Durante varios anos uniron un nutrido grupo de ciclousuarios percorrían as rúas repartindo panfletos informativos, recibindo bocinazos ao ritmo de “mans arriba, isto é un atasco”.
De aquí nacían colectivos como a Asoc. Mobi-liza, asesora municipal en materia de mobilidade (certo que xa o foi máis do que é, actualmente), ou iniciativas como a Escola da Bici ou o marabilloso taller social Reciclos. Elementos fundamentais para que o goberno da Marea e agora o goberno socialista estean cambiando o transporte urbano na cidade, coa política de implantacións de novos carrís bicis e co transformador servizo de BiciCoruña.
Masa Crítica 20 aniversario
Con algunha ida e vida o movemento estivo activo ata 2019, pero o colectivo seguía latente, e revive agora cunha nova Masa Crítica 20 aniversario. A cita será este primeiro venres de novembro, día 7, ás 20:00h dende María Pita, por suposto.

Máis novas
Reciclos, o taller social de Mobi-Liza que segue espallando a cultura da bici

