O portavoz do BNG no Concello e candidato nacionalista á Alcaldía en maio, Francisco Jorquera, anunciou esta mañá que no Pleno do vindeiro 2 de febreiro o Bloque vaille formular unha pregunta oral ao Executivo coruñés para saber que xestións fixo a alcaldesa con vistas a defender, durante a tramitación da Lei de Residuos, o modelo húmido seco de xestión e tratamento de residuos, o que cualificou como modelo coruñés.
“Non temos coñecemento de que a alcaldesa fixese ningunha xestión para que se contemplase a excepción coruñesa e así asegurar a vixencia do modelo húmido-seco”, dixo Jorquera, para a seguir remarcar que non se trata dunha cuestión menor. “Renunciar ao modelo húmido seco significa que os cidadáns non só teremos que separar o vidro, o papel e o cartón, os restos orgánicos e a fracción restante (inorgánicos). Alén diso, a partir de agora”, esclareceu, “teremos que separar tamén latas, botellas de plástico, bricks, tapas e outros envases lixeiros para os depositar nun novo colector específico, cando antes a separación se facía en planta”.
Significaría tamén “que nas rúas haberá que instalar un contedor máis”. Será o “quinto”, e iso a pesar de, a comezos deste mandato, o Concello ter adxudicado “o novo contrato de limpeza e mantemento de contedores, que conlevou a renovación dos colectores existentes na nosa cidade”, dixo.
O candidato nacionalista dixo que “non hai razón ambientais que xustifiquen” a renuncia ao modelo húmido seco. Así, insistiu que o argumento ao que se aferra a alcaldesa –“non é unha cuestión opcional, hai unha lei que cumprir”- non se ten de pé”. Lembrou que a nova Lei de Residuos, artigo 25.6 abre a billa a “exceptuar reglamentariamente a obriga de recoller por separado os residuos”, sempre que se dean determinadas condicións: que a recollida conxunta dos residuos non afecten a súa aptitude para a reutilización ou a reciclaxe, que a recollida separada non proporcione mellor resultado ambiental ou que implique uns custos económicos desproporcionados.
MODELO NOSTIÁN
Jorquera dirixiu tamén as súas críticas á marxinación dos concellos do Consorcio das Mariñas e censurou que a alcaldesa non convocase unha mesa de alcaldes “para falar disto e do futuro de Nostián”, sendo que a “a viabilidade futura da planta de Nostián depende da participación do Consorcio”.
“Estamos moi preocupados polo futuro do modelo coruñés de xestión e tratamento de residuos”, recapitulou Jorquera. “Non quixéramos pensar que o Goberno Local, de xeito intencionado, estea dando pasos para converter a planta de Nostián nunha simple planta de transferencia e derivar logo boa parte do lixo a SOGAMA”, concluíu.