A loita das familias contra os recortes e a falta de apoio das administracións para co ensino público continúa. Se mañá haberá concentración comunidade educativa do CEIP Prácticas e o sábado coa manifestación da do CEIP Cidade Vella, hoxe mesmo houbo concentracións nos 5 centros educativos de Oleiros.
I é que onte, o Conselleiro de Educación Román Rodríguez acusaba de mentir ás familias de Oleiros sobre os recortes nos centros educativos en materia de mestres auxiliares para alumnado con necesidades educativas especiais. Pero as comunidades educativas dos centros oleirenses non se van amilanar, e van seguir loitando por unha educación pública de calidade e inclusiva.
Así o demostraron esta mañá con concentracións nos 5 centros co apoio das 5 ANPAS, e coas respostas ás declaracións do Conselleiro no Parlamento.
Así, esta mesma mañá de xoves 20, as comunidades educativas e veciñanza, concentrábanse, co apoio municipal, diante dos coles de Oleiros. As convocantes, a ANPA Valle Inclán (Perillo), AFA Nós (do CEIP Juan de Vega, Nós), ANPA CEIP Luis Seoane (Mera), ANPA Ensino CEIP Rabadeira (Oleiros), ANPA Bidueiro CEIP Isidro Parga Pondal (Santa Cruz) e ANPA CEIP Juana de Vega (Oleiros) aproveitaron o Día Mundial da Infancia, para reclamar una educación pública, inclusiva e de calidade para todas as crianzas.

Os participantes vestiron roupas negras co obxectivo de simbolizar o grave desamparo que están a sufrir as escolas e que pon en perigo a calidade do ensino público debido á falta de profesores de pedagoxía terapéutica (PT) e audición e linguaxe (AL), mestres titores e de reforzo nas aulas ou a eliminación de proxectos de gran interese educativo, cultural e comunitario.
Lembran que ps recortes máis graves rexístranse nos colexios Valle Inclán e Juana de Vega, pero poderían ter sido calquera outro.

Respostas ao Conselleiro
”A Xunta de Galicia, responsable da educación no noso país, non atende as demandas das ANPAS e da comunidade educativa en xeral a respecto da dotación de persoal necesario deixando centros educativos con graves eivas para a consecución dunha educación inclusiva e de calidade para todos os nenos e nenas”, aseguran nun comunicado.
Aseguran ademais que son “varias ascousas que comenta o conselleiro que non se axustan á realidade: Di que no noso centro hai 425 prazas dispoñibles e que, segundo el, están ocupadas 323, fala polo tanto, de máis de 100 prazas libres. Falso. Resulta que a realidade é que temos 459 matrículas ponderadas (unha vez feitos os cálculos en base a necesidades especiais). Sin ponderar, 444 alumnos e alumnas”.
As familias, deixando claro que a crianza non pode depender de números, afían as cifras aportados polo Conselleiro: “A consellería indica que hai dous especialistas AL e PT por encima do que lle corresponde ó colexio. No noso centro, por catálogo, temos 1 PT e 1 AL. Pero tamén por catálogo o noso centro é de liña 2. É dicir, de dous grupos por curso. E a realidade é que en tódolos cursos, menos infantil e 1º de primaria, temos 3 grupos. Polo tanto, aínda que por catálogo corresponden 1 AL e 1 PT, os outros dous especialistas son provisionais dado o alto número de alumnado e as súas características. É dicir, corresponden 2 AL e 2 PT, dos cales un de cada están en plana definitiva e os outros dous son provisionais polas necesidades reais deste curso”, explican.
Van máis alá levando á contraria ao Conselleiro “cando fala de que as aulas están por baixo da ratio máxima. Isto é así porque a inicio de curso o Equipo Directivo do centro escolar solicitou facer un desdobre que a consellería non contemplaba. E foi autorizado. E foi autorizado a empregar os profesores MEGA de reforzo educativo. A ratio agora é a legal, pero cada aula debe ter un titor. Os mestres que cobren estes desdobres son os que deberían adicarse a reforzo e apoio nas aulas a alumnado con necesidades”.
Con todo, deixan claro que “non hai mestres suficientes para dispoñer do horario que precisa levar adiante a correcta vixilancia nas gardas, poñendo en risco a seguridade do alumnado. Porén, agora mesmo están totalmente paralizados moitos proxectos do colexio coma a sección bilingüe, robótica, informática, horta, viaxes e as excursións didácticas. Son proxectos de interese comunitario e vinculados á cultura, ó entorno e ó medio ambiente que combinan educación regrada e non regrada, algo que conseguiu dar a este centro unha excelencia e unha calidade que agora desapareceu.

”A golpe de titular”
E rematan cunha reflexión as familias da ANPA Valle Inclán: “Parécenos terrible dar as costas desta forma á realidade do que se vive nos centros escolares e que os políticos gobernen a golpe de titular e non de responsabilidade. Seguimos loitando polo dereito a un ensino público de calidade, polos nosos fillos e fillas”.

Máis novas
As familias de Oleiros simbolizaron cunha marcha fúnebre o enterro do ensino público de calidade

