A división sindical segue poñendo en xaque aos usuarios do servizo transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña, que cando saen de casa estas semanas non saben a que aterse. Hoxe había convocada pola CIG tras o preacordo asinado por UXT e CCOO co patronal pero que non contou co respaldo maioritario dos traballadores, pero finalmente quedou suspendida.
As asembleas de persoal convocadas pola CIG esta pasada noite acordaron así a suspensión da folga “ante a traizón de UGT e a indefinición de CCOO”.
Así o confirma Ernesto López, representante de CIG Transportes, que explicou que UXT asinou o “preacordo tal como estaba” (o que foi rexeitado polas maiorías de traballadores) e “CCOO estao pensando, nós non”, sinalou tras a reunión celebrada este xoves coa patronal e coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. “As actuacións de UGT, CCOO e a propia patronal son dunha irresponsabilidade absoluta tanto co persoal do sector como co conxunto das persoas usuarias do servizo”, denuncia a CIG.
Cómpre lembrar que a CIG é o sindicato maioritario, por diante de UXT e CCOO, pero estas dúas forman maioría poque de asinaren xuntas provocaría o acordo coa patronal.
“Debería haber unha nova reunión, pero non sabemos cando”, sentenciou tamén o dirixente sindical tras as asembleas convocadas co persoal para informarlles da situación e decidir sobre a folga indefinida, que se retomou esta semana tras varios adiamentos e con paros diarios antes.
UXT descarta a folga e pide un “convenio de eficacia limitada”
Mentres, desde UXT, Iván Cancela, representante do sector de Transportes no sindicato, explicou que intentarán ofrecer a opción de que aqueles traballadores e traballadoras que así o considerasen asinasen un “convenio de eficacia limitada”. Sería con aplicación para os anos 2025 e 2026 e incluíndo as propostas recollidas no preacordo subscrito por UXT e CCOO (pero non pola CIG ao entender que os avances eran “mínimos” de cara ao seu obxectivo de melloras salariais e laborais).
“Decidimos ir pola vía de asinar un convenio de eficacia limitada”, sinalou sobre a proposta exposta á patronal quen deberá valorar se a acepta.
En todo caso, UXT avanzou que non se sumará a máis días de folga — en relación á indefinida convocada pola CIG e secundada desde este martes — xa que, a xuízo deste sindicato “están a pasarse determinadas liñas vermellas”.
Así mesmo, condena todos os actos vandálicos e de extorsión ante a negociación libre dun Convenio, acusando a membros da CIG de perpetrar varios intentos de agresión, e anuncia que estudiará as posibles accións legais contra eles.
Máis novas da folga
A folga do transporte por estrada na Coruña volverá o mércores se non hai acordo
Os traballadores do transporte rexeitan o preacordo do convenio e poñen de prazo ata o luns

