InicioOPINIÓNO litoral de Galicia, unha competencia irrenunciable

O litoral de Galicia, unha competencia irrenunciable

Publicada o

Por Juan Díaz Villoslada

Unha nova ordenación do litoral de Galicia esixe o máximo esforzo de entendemento parlamentario para acordar unha lei que garanta un verdadeiro exercicio das competencias autonómicas na nosa extensa costa.

 

Aínda que se trata dun asunto clave para a nosa política autonómica que se ten debatido en anteriores ocasións pero sen resultados, asistimos desde o pasado verán de novo á discusión entre o Goberno central e a Xunta de Galicia acerca das competencias e a xestión dos usos do noso litoral.

Este debate intensificouse lóxicamente con motivo da recente exposición pública por parte do Gobierno autonómico do Anteproxecto de Lei de Ordenación do Litoral de Galicia, que tivo como base as propostas elaboradas polo Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña e os ditames do Consello Consultivo de Galicia.

Coñecemento e competencia

“Galicia ten o coñecemento e as competencias para xestionar a súa costa”, titulaba unha recente entrevista ao catedrático da UDC, Javier Sanz Larruga, director do Observatorio do Litoral. E este pode ser o mellor resumo do debate. Coñecemento e competencia.

Coñecemento porque Galicia ten case 1.500 Km dunha intrincada e marabillosa costa (do total do 8.000 km da costa española), 73 municipios costeiros con case mil areais, nos que viven case un millón e medio de persoas (algo máis do 50% da poboación galega) e nos que se desenvolve unha potente industria vinculada ao mar que alcanza os 9.000 millóns de euros de valor global do sector en datos de 2019, un 5% do PIB Galicia, xerando 40.000 empregos directos e constituíndose así na cuarta actividade da nosa economía.

E competencia porque Galicia xa dispón do marco estatutario necesario para exercer atribucións e xestionar os usos e ocupacións no dominio público marítimo-terrestre. O artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía xa recolle desde a súa aprobación a nosa competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral.

Os pronunciamentos do Tribunal Constitucional

Como xa ditaminou o propio Tribunal Constitucional, na súa sentenza 149/1991 sobre a Lei estatal de Costas de 1988, a titularidade estatal sobre o dominio público marítimo-terrestre (titularidade que non se discute agora) non é en si mesmo un criterio de delimitación competencial; desa titularidade emanan unha serie de facultades para o Estado susceptibles de condicionar ou modular as competencias autonómicas, cando tales competencias se despreguen no demanio público de titularidade estatal. Sinala así esta sentenza de clara que as leis non poden outorgar á Administración das Estado atribucións sobre actividades que se desenvolven no dominio natural sen respectar os ámbitos materiais que os estatutos de autonomía reservan ás súas respectivas Administracións, como é o caso do estatuto de Galicia.

Recentemente de novo pronunciouse o TC, na súa sentenza 18/2022, para concluír que a competencia sobre a xestión dos títulos de ocupación do dominio público marítimo-terrestre intégranse na competencia máis ampla de ordenación do litoral, de forma que a xestión dos
devanditos títulos non menoscaba a atribución (que non competencia) estatal sobre protección do litoral derivada do artigo 132.2 da Constitución.

Galicia conta ademais con competencias estatutarias, con distinto nivel de intensidade lexislativa ou de execución, sobre actividades e sectores que se desenvolven sobre a franxa costeira, en materia de portos, de ordenación do sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura, de promoción e ordenación do turismo, de promoción do deporte, sobre verteduras ao litoral e, por suposto, en materia de urbanismo e protección do medio ambiente.

Unha ordenación integrada do litoral

A ordenación do litoral galego debe ordenarse, como acertadamente indica o anteproxecto de lei, desde un enfoque sistémico e integrado, contemplando todos os espazos de terra e mar que integran o litoral de Galicia cunha escala de ordenación axeitada, a autonómica.
Suxerir a necesaria modificación do noso Estatuto de Autonomía, mesmo a necesidade dunha lei orgánica de transferencia do Estado desta competencia a Galicia, poden ser argumentos para demorar calquera decisión ou para a mera confrontación política (lembremos a “eterna”
transferencia a Galicia da AP-9 aínda pendente). Fronte a constantes e recentes traspasos a outras comunidades históricas, Galicia non recibiu máis traspasos efectivos de competencias desde 2008, baixo a presidencia autonómica de Emilio Pérez Touriño. Desde aquel momento ata hoxe, nin Gobierno central nin Xunta de Galicia materializaron novas transferencias.

Pero o marco competencial, o bloque normativo de constitucionalidade na materia, é xa suficiente para que Galicia poida xestionar os usos e títulos de ocupación (ou de non ocupación) do noso litoral. O que si precisa Galicia é o verdadeiro recoñecemento do seu marco estatutario, a efectiva transferencia dos medios de Estado en materia de costas, como por outra banda xa acordou noutras Comunidades Autónomas.
Nin sequera faría así falta unha nova lei para facer efectivas competencias xa existentes, aínda que carentes de medios; con todo, unha nova lei que articule un tratamento máis integral do noso bordo litoral é unha oportunidade para un gran acordo político que reforza as nosas
capacidades para xestionar a costa galega, coas súas peculiaridades, actividades e riscos ambientais.

E isto non supón ningunha sorte de pretensión independentista, senón o efectivo respecto e cumprimento do marco de autogoberno do que actualmente goza Galicia.

  • Juan Díaz Villoslada. Ex concelleiro de Urbanismo e Mobilidade co PSdeG-PSOE.

ÚLTIMAS

Solicitan a retirada da Medalla de Ouro ao mérito no traballo ao Conde de Fenosa

Volve o sociólogo, investigador e vítima do franquismo Manuel Monge González, a rexistrar unha...

Ollo, cortes en Alfonso Molina na saída cara á AP-9/Palavea este martes

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, que realiza o Ministerio...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

Renfe prestará servizo con 500 servizos de bus para facilitar a mobilidade polas obras na estación da Coruña

Renfe modificará o servizo e habilitará un plan alternativo de transporte por estrada con...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here