A viva Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano acolleu un novo #LunsdeEncontros. O ciclo organizado pola Asoc. de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros volveu xuntar unha trintena de persoas arredor das letras, como leva facendo ao longo do ano. Desta volta foi Diana Varela Puñal a que realizou a segunda presentación do seu libro “Serea e Ulises” [Medulia Editorial]
Non é casualidade, en todo caso, que Diana escollese a Asociación Veciñal Agra do Orzán para a primeira presentación deste libro, nin a esta Asociación para a segunda. Porque Diana quere traer a súa obra a esas entidades que realmente fan cultura dende a base, que realmente achegan os libros á rúa.

Coa presentación de quen escribe esta crónica, Diana recordou como foron os 15 anos de deserto creativo que lle provocou sacar adiante unha editorial “indie” como é a Editorial Medulia. Recoñeceu que é traballo que lle apaixoa, que une a súa formación coa súa vocación permitíndolle ir cun sorriso a traballar cada día. Pero tamén lle implica centrar toda a súa atención en sacar adiante a obra doutros artistas.
Agora, esta cormelá afincada na Coruña (na adolescencia chegou á Gaiteira e agora leva xa máis dunha década os Mallos, co carnet de herculina selado polo Chaflán) recuperou a súa alma “pescantina” para lanzar esta pequena colleita de poemas arredor da historia de amor deste mito secular, pero que ten como particularidade que o fai dende o punto de vista da Serea de Tahormina “Parténope”. Un libro cargado de amor, de erotismo.
A poeta relatou como foi o proceso creativo, accidentada viaxe a Sicilia mediante, e como foi o longo proceso de impresión.
Porque a outra particularidade do libro é que se trata dunha edición facsilimar, coa súa propia letra, demostrando o seu firme posicionamento polo humano nestes tempos de invasión de carteis de intelixencia artificial.
A serie de poemas formará parte dun vindeiro libro máis completo, máis social, que pronto sacará tamén a través de Medulia. Pero ademas, Medulia abrirá esta clase de edición facsimilar a outras artistas.
A sesión, chea de autores e autoras que quixeron compartir con Diana a súa posta de longo, rematou coa lectura de varios poemas, que puxeron a pel de galiña aos asistentens.

Máis novas
Diana Varela Puñal volve á poesía coa edición facsimilar de “Serea e Ulises”

