InicioBARRIOSCando envellecemos a distintas velocidades

Cando envellecemos a distintas velocidades

Publicada o

Por Julia Castillo

Un barrio con necesidades sen cubrir: o Barrio das Flores afronta o seu 60.º aniversario atrapado entre os investimentos exteriores e a falta de accesibilidade nas súas prazas interiores.

Moito antes de que o formigón e os planos vangardistas reescribisen a paisaxe, este recuncho da cidade era unha antiga horta de flores. Alí era onde a mítica Consuelo Obdulia cultivaba as plantas coas que abastecía a súa histórica floraría —cuxo peche definitivo a finais de 2025 deixou un baleiro imborrable na memoria coruñesa—. Daquel aroma e desa terra labrada naceu o nome do Barrio das Flores, un espazo onde hoxe, en apenas 160.000 metros cadrados (16 hectáreas), se levanta un armazón de 58 grandes bloques e complexos residenciais que combinan torres de pisos coas características ringleiras de vivendas caroadas. O verdadeiramente impactante é a súa escala humana: neste reducido chan concéntranse 1.934 vivendas nas que conviven 3.882 veciños censados. Este é o mapa estatístico dunha veciñanza que naceu con vocación de futuro, que pretendía ser revolucionaria e o foi.

Inaugurado o 19 de agosto de 1967, coa presenza, como non, do ínclito, o seu deseño vangardista rompeu os patróns do urbanismo da época. Á cabeza daquel fito estivo un equipo de membros irrepetibles coordinados por Ignacio Bescansa: Jacobo Losada, José Luque, o célebre José Antonio Corrales e o mestre Andrés Fernández-Albalat, quen deseñou a Unidade Veciñal Número 1, a primeira mazá que abriu camiño no complexo. Xuntos expuxeron unha pioneira separación de espazos peonís e rodados que aínda hoxe se estuda nas facultades de medio mundo como unha modélica cidade xardín. Aquelas primeiras casas sobre a antiga horta enchéronse de novos matrimonios rebordantes de ilusión que estreaban unha veciñanza moderna, verde e pensada para o peón.

barrio de las flores 1971
Vista do Barrio das Flores en 1971. Fonte: montedasmoas.wordpress.com

Mais o tempo pasa e a chamada evolución con el. Aquel deseño idílico cometeu un erro de cálculo histórico ao non prever que o barrio se enchería de coches, como todos os barrios da cidade. Hoxe, conta cun parque móbil estimado de entre 1.800 e 2.100 vehículos privados para unhas escasas 650 prazas de aparcamento. O déficit supera os 1.200 ocos! A consecuencia é que estes colonizan de forma caótica as beirarrúas, esquinas e accesos. Esta falta crónica de estacionamento asfixia o espazo público e converteuse nunha barreira arquitectónica máis.

Esta asfixia vólvese dramática ao engadirse a realidade dun censo que envelleceu ao par que as súas infraestruturas. O verdadeiro drama non é só urbanístico, senón humano, e reflíctese con crueza na pirámide de idade deses 3.882 residentes:

A pirámide poboacional do barrio (3.882 residentes)

▪ Os maiores de 65 anos xa son o grupo maioritario: representan o 29,6 % do barrio (case 1.150 persoas). Moitos deles superan os 80 anos; son os mesmos mozos cheos de ilusión que estrearon os pisos en 1967 e hoxe ven como as súas pernas xa non poden salvar os desniveis nin esquivar os vehículos mal aparcados.

▪ A poboación activa diminúe: o 55,4 % dos veciños (uns 2.150) teñen entre 16 e 64 anos, a maioría fillos daqueles que estrearon as vivendas.

▪ Apenas hai nenos: os menores de 15 anos constitúen só o 15 % (uns 582 menores), demostrando que o corazón do barrio perde atractivo para novas familias pola súa falta de accesibilidade.

 

Mapa das Unidades vecinais do Barrio das Flores
Plano de delimitación por Unidades Veciñais incluído no Anexo Cartográfico do Plan Director de Rehabilitación Integrada (PDRI) do Barrio das Flores. Documento oficial codificado e custodiado pola Oficina Municipal de Rehabilitación do Concello da Coruña e validado polo Instituto Galego da Vivenda e do Solo (IGVS) da Xunta de Galicia.

Un labirinto de 2.677 chanzos

Ás portas do seu 60.º aniversario, toda esta poboación atópase atrapada nun labirinto obsoleto. E non se trata dunha impresión dos veciños: os datos poñen os pelos de punta. Segundo recollen de forma oficial os informes da Memoria Diagnóstica do PDRI do Concello da Coruña, o barrio alberga un saldo de 2.677 chanzos públicos repartidos en 283 tramos de escaleiras diferentes, fronte a tan só 22 ramplas peonís, moitas das cales nin cumpren coa lei. O estudo técnico municipal detalla ademais graves patoloxías urbanas: lousas rachadas, fendeduras, problemas de beirarrúas esnaquizadas polas raíces das árbores… e xa nin falemos das humidades por filtración que castigan, tamén, as fachadas dos bloques.

É nesta encrucillada onde xorde a contradición que alporiza á veciñanza. Mentres os guindastres municipais escomezan un investimento de máis de 820.000 euros en tres grandes ascensores exteriores na periferia (para conectar os bordos da rolda de Camilo José Cela e facilitar o paso cara a Elviña), a realidade do barrio segue conxelada. O Concello executa pequenos remendos, pero eliminar as barreiras arquitectónicas é a súa obriga por lei. Si, chámanse barreiras arquitectónicas e teñen que desaparecer do barrio xa!

Protexido polo patrimonio, bloqueado pola política

E non serve con botarlle a culpa á liña do oleoduto que baixa pola rúa co mesmo nome e que cruza o barrio deixando unha franxa verde de seguridade, porque esta é unha servidume que todos coñecemos e respectamos e que, se alguén non coñece, é que non é moi profesional.

E quero lembrar, por outra banda, que algunha zona máis do barrio é artisticamente intocable. Xoias como a icónica Unidade Veciñal Número 3 (deseñada por Corrales) gozan da máxima protección patrimonial e histórica. Non se pode alterar a súa estética, o que esixe proxectos de accesibilidade complexísimos que deben ser aprobados minuciosamente por Patrimonio antes de poñer un só ladrillo.

Mentres tanto, outra gran partida dun millón de euros destinada a reformar as rúas interiores segue durmindo o sono dos xustos nun caixón político porque o Goberno central, a Xunta e o Concello non terminan de asinar o acordo orzamentario para o vindeiro ano.

O Barrio das Flores exemplifica hoxe unha dolorosa dobre velocidade: a dos grandes anuncios perimetrais que collen pulo, fronte a unhas zonas interiores onde o tempo, as lousas rachadas, os chanzos infranqueables e a burocracia patrimonial séguenlle gañando a partida á mobilidade dos seus propios habitantes.Julia Castillo Xornal

  • Julia Castillo. Activista, investigadora e analista social. Interésame, sobre todo, o que se agocha detrás de problemas que asumimos como naturais ou inevitables.

Outros artigos de Julia Castillo

ÚLTIMAS

Folga nos autobuses da Coruña: os traballadores denuncian unha carga laboral excesiva e prodúcense danos en dous vehículos

O persoal da Compañía de Tranvías da Coruña, empresa adxudicataria do servizo de autobuses...

“Garabato”, da herculina Alicia Úbeda, a única curta galega seleccionada no ZINEBI 68

Segue asentándose Brava no panorama audiovisual galego. Como tamén o fai a directora Alicia...

A Xunta de Persoal solicita un calendario real, financiamento e solucións ante a demora nas obras do novo CHUAC

A Xunta de Persoal da Área sanitaria da Coruña e Cee achegouse esta mañá...

O TSXG avala o despedimento dun líder sindical do lixo da Coruña por instar a boicotear o servizo durante a folga

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou como...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here