InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOADEGA manda unha carta aberta aos organizadores do Wake Up Festival sobre...

ADEGA manda unha carta aberta aos organizadores do Wake Up Festival sobre o impacto na zona de bens

Publicada o

Por Redacción

Volve a polémica medioambiental arredor do Wake up féstival, o evento de música electrónica que leva 3 anos celebrándose no Parque de Bens da Coruña. Unha cita que xa ten recibido diversas críticas por parte de outras organización ecoloxistas, polo lugar escollido para a súa celebración, próxima a entornos naturais e protexidos.

Desta volta é o colectivo ADEGA o fai pública esta carta aberta aos organizadores do festival apelando á súa comprensión para frenar unha situación que está a causar graves alteracións no medio ambiente e sufrimento animal.

 

Estimada organización do Wake Up Festival:

Dirixímonos a vós desde o respecto pola vosa labor cultural e o común gusto pola música. Sentímonos na obriga cidadá de expoñer, con claridade e fundamento, as nosas profundas preocupacións ante a intención de celebrar unha nova edición do festival Wake Up Festival no Parque de Bens, que sería a cuarta. As nosas reflexións non xorden dunha opinión ou visión ecoloxista idealista, senón de datos e advertencias técnicas recollidas en informes oficiais, é dicir, dende unha reflexión consciente da realidade baseada nos datos.

Atopamos catro razóns, que consideramos inapelables, polos que a celebración deste festival supón un prexuízo para a natureza da Coruña:

1. O festival é incompatible coa protección da fauna. O Parque de Bens non é un espazo neutro. Alberga especies protexidas legalmente, como o lagarto arnal (incluído na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial) e, na súa contorna inmediata (ENIL das Illas de San Pedro), o corvo mariño cristado (especie vulnerable). A celebración do festival coincide, ademais, coa súa época crítica de cría.

2. O impacto acústico é cientificamente prexudicial. As frecuencias graves, inherentes á música dun festival, propáganse a varios quilómetros de distancia. Un evento que supera os 120 dB, nunha área onde o recomendable para a fauna é non exceder os 55 dB, produce nos animais estrés, desorientación e, en casos extremos, abandono dos niños. Non se trata só de ruído molesto, senón de danos reais e documentados no ciclo biolóxico de especies vulnerables.

3. O sufrimento animal evitable é inasumible. A proximidade do festival ao centro municipal de animais de compañía expón a animais acollidos, moitos en proceso de recuperación, a unha situación de ansiedade e estrés que ningunha programación cultural debería xustificar.

4. O proceso administrativo ten dubidosas garantías ambientais. A autorización deste evento, que ignora informes técnicos desfavorables reiterados e que se tramita con improvisación e no último momento, constitúe un grave desleixo na protección do patrimonio común.

Ante estes datos, preguntámonos e preguntámosvos:

· Sodes coñecedores do dano ecolóxico acumulado polas tres edicións consecutivas xa realizadas?

· Considerades que un evento deste tipo pode lexitimamente prevalecer sobre o cumprimento da legalidade ambiental que protexe estas especies?

· Sería posible trasladar o festival a unha localización con menor valor ecolóxico e que non cause sufrimento animal, mantendo a súa calidade artística?

A nosa intención non é a confrontación, senón a defensa do patrimonio natural común. Apelamos á vosa responsabilidade e ao amor pola natureza para que reconsideredes a localización do Wake Up Festival. O verdadeiro éxito dun evento cultural mídese tamén no legado que deixa.

Máis novas

Denuncian o Wake Up & Dream Festival polo seu impacto ambiental

O BNG da Coruña denuncia “irregularidades” na licenza do festival Wake Up e o goberno replica que foi legal

ÚLTIMAS

Condena de nove meses, con suspensión da pena, a dous acusados de golpear a Yoel Quispe

Dous acusados de agredir a Yoel Quispe —o mozo de 22 anos falecido tras...

Os traballadores de Repsol na Coruña votarán se convocan unha folga indefinida

Os traballadores da refinaría de Repsol na Coruña votarán este xoves, 30 de abril,...

Califican de “gran éxito” a primeira folga en Glovo en Galicia

A Federación de Servizos á Cidadanía (FSC) de CC.OO. cualificou de "gran éxito" a...

O Acuario da Coruña acolle a Jinzi, unha nova foca macho para rexuvenecer o grupo

O Acuario da Coruña acolle unha nova foca, chamada Jinzi, e que, segundo o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here