O sector do taxi volveu mobilizarse este mércores na Coruña para esixir ao consistorio herculino que “se cumpra a lei” e denunciar que os vehículos de transporte con condutor (VTC) realizan servizos urbanos cando a súa licenza permite exclusivamente os desprazamentos interurbanos. Piden tamén á Xunta que “free a concesión deste tipo de autorizacións”.
“Mantivemos múltiples contactos co Concello da Coruña e non chegamos a ningunha solución para que freen esta ilegalidade manifesta das VTCs que prestan servizo urbano dunha maneira ilegal sen previa licenza municipal”, insistiu o presidente da Federación Galega de Taxi, Ricardo Villamisar.
Respecto diso, sinalou que “pasa o mesmo noutras cidades” pero explicou que “por exemplo en Vigo, a Policía Local está a sancionar”. “No caso da Coruña son soamente os inspectores de transporte da Xunta os que levantan as correspondentes actas de infracción”, asegurou.
“Esixímoslle ao Concello que cumpra a normativa”, recalcou en alusión á lei autonómica e a propia ordenanza municipal que foi aprobada polo fobierno local “no mes de setembro e que se está incumprindo de forma reiterada”. “Mentres non haxa unha ordenanza específica para este tipo de autorizacións non poderán realizar servizos urbanos”, reiterou.
AMPLA MOBILIZACIÓN
“O único que reivindicamos nesta marcha é que se cumpra a lei”, insistiu. A mesma, convocada polas dúas asociacións representativas da cidade, Teletaxi e Radiotaxi, tivo un amplo seguimento. Centenares de taxis saíron ás 11.00 horas do Milenium e chegaron máis de dúas horas despois a O Parrote portando carteis nos que se podía ler ‘VTCs ilegais’ e bandeiras en contra deste servizo.
“Entendemos que dentro do termo municipal o Concello é o que ten as competencias para regular o servizo público urbano e, por tanto, é o que ten que actuar”, reclamou. No entanto, indicou que o sector tamén pediu “reivindicativamente” á Xunta “que free a concesión deste tipo de autorizacións”. “Están a tentar buscar unha físgoa na lei para que haxa unha modificación e unha paralización temporal destas autorizacións”, sinalou.
Na mesma liña, o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambas, pediu que se sanciones estas irregularidades. “É a ferramenta que ten calquera tipo de institución para castigar a aqueles que incumpren as normativas vixentes”, recalcou.
RESPOSTA MUNICIPAL: Os taxis que hai non son suficientes
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recalcou que no que vai de ano interpuxéronse “112 actas sancionadores que deron lugar a 36 resolucións e 276.030 euros en sancións”. No entanto, insistiu en que “o conflito non se resolve con sancións, resólvese convivindo”.
“Nós imos regular a convivencia nunha ordenanza”, asegurou 3 meses despois da aprobación en pleno dunha moción para levala adiante.
“Os usuarios demandan ese servizo e o que temos que facer é regulalo, pensar que se poden prohibir é afastarse da realidade”, engadiu tras lembrar que na cidade herculina viven 253.000 habitantes e hai 516 taxis. “Non é suficiente”, apostilou.
Así mesmo, sinalou que “non se trata de buscar responsables”, á vez que criticou que a Xunta outorgue licenzas “a cascoporro”. “A todo o que a pide e deixa a pataca quente aos Concellos que pedimos unha regulación conxunta”, recalcou.
Máis novas do conflito
Os taxistas volven colapsar a cidade para esixir unha ordenanza sobre os VTC
Taxistas protestan novamente na Coruña contra os VTC: “Non hai expedientes contra eles”
Máis de cen taxis percorren a Coruña para denunciar o “intrusismo” dos VTC

