É especialista a Xunta en descargar problemas na administración local. Cando falamos do “Conxunto de pinturas murais do antigo restaurante Fornos ou murais do Fornos” falamos da inacción común tanto da Xunta como do Concello da Coruña que está permitindo que esmoreza entre a humidade un dos tesouros que nos deixou Urbano Lugrís. Pero, unha vez máis, a Xunta volve poñer no tellado do Concello o proceso de restauración do recoñecido como Ben de Interese Cultural.
Esta semana Xunta notificou un informe no que avalía o estado real dos frescos, recoñecendo que dende que mercou os frescos o seu estado non fixo máis que empeorar. Malia que a Xunta é a propietaria do conxunto de frescos, o edificio, que se cae a anacos, segue a ser dun propietario particular, complicando calquera intervención. O Informe recoñece que non se pode restaurar ben os murais sen arranxar antes o edificio, xa que sen unha rehabilitación que garanta unhas condicións mínimas do inmoble é imposible asegurar o control da humidade e da temperatura.
O informe recolle tamén que apenas se ten feito absolutamente máis que unhas intervencións de urxencia en 2025 e certo seguemento de control en 2026, pero malia que a restauración está definida tecnicamente, non se dá executado.
Ante esta parálise, a Xunta lembra tanto ao Concello como aos propietarios do edificio, que “é competencia do concello velar pola salvagarda dos inmobles catalogados, e, en concreto, tramitar os expedientes precisos para garantir o disposto no artigo 32 do Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia no que se establece que son as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia quen están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración”.
A cousa parece evidente e ata que non se desbloquee a restauración do edificio, os murais seguirán en risco e non se poden restaurar correctamente.
Dende a AC O Mural, a entidade que conseguiu traer ao debate público esta restauración e poñer en valor estes murais, fica sorprendida pola “resposta tan directamente negativa e autoincriminatoria da Xunta. Semella que remataron as boas relacións co Concello e queren “cargarlle o morto” ao “goberno de Inés Rey” e preocúpanos a esquizofrenia da Xunta que non é capaz de verse a si mesma como responsable como propietaria do BIC (os frescos) e exixe responsabilidade aos propietarios do edificio (que non teñen BiC ningún)”.
Máis novas
A asociación O Mural urxe medidas de protección para as pinturas de Lugrís na Coruña
Tecendo tapabocas á espera das accións da Xunta e do Concello nos frescos de Lugrís…
As doce obras dos murais de Lugrís na rúa Olmos, declaradas definitivamente BIC

