Pensando xa apertura da Estación Intermodal, formulada para o final deste ano, o Concello realizou a apertura dun acceso á contorna da estación: o novo viario que conecta as avenidas de Arteixo e A Sardiñeira a través da Agra dos Mallos. Un xeito de facilitar a entrada e saída da cidade pola Grela e a estrada cara Arteixo e Carballo.
O Concello aproveitou a intervención na Agra dos Mallos para seguir trenzando os percorridos ciclables polo barrio, ampliándoo. No vial e a súa contorna súmanse 1.200 metros de carril-bici (500 no novo vial e 700 na avenida de Arteixo), que dan continuidade tanto ao treito existente entre avenida de Arteixo – Marineda e ao executado recentemente na avenida da Sardiñeira.
Ademais, ao longo do vial creáronse 49 prazas de estacionamento gratuíto en batería (dúas delas, PMR), que se suman ás xa existentes no aparcadoiro da explanada lindeira ao pavillón polideportivo da Sardiñeira, na zona do campo da feira, pero ás que non lles afectará o mercadillo do barrio.
Novos semáforos na Avenida de Arteixo
A obra tamén supuxo a creación dunha intersección semafórica, en forma de T, que permitirá contar cun acceso directo á área de intermodalidade desde a avenida de Arteixo en sentido saída da cidade.
Esta medida, adoptada polos servizos municipais tras a realización dun estudio de tráfico o ano pasado, estima mellores resultados no referente aos tempos de agarda con respecto ao plantexamento do proxecto inicial, que valoraba a construción dunha rotonda en forma de óvalo entre o novo vial da Agra dos Mallos e a avenida de Arteixo.

