Moitos lembramos aquel partido do 9 de xuño de 1991. Algúns tiñamos 10 anos, os mesmos que ten agora o meu fillo maior, e xa estabamos en Riazor, sufrindo con aquel equipo de Arsenio que levaba 18 anos sen pisar os campos da Primeira. Daquela foi Stoja, cos seus dous tantos ante o Murcia, o que nos levou, lume mediante, á máxima categoría do fútbol estatal.
Moito cambiou o fútbol nestes 35 anos que unen estas dúas viaxes do barro ao azulexo, pero pouco cambiou o deportivismo. A transmisión xeracional de pais/nais a fillos/as, e esa montaña rusa de emocións que leva sendo o deportivismo na última década, permiten que as cores desta cidade sigan sendo branco e azul.
Así se comprobou estes días na Fonte de Catro Camiños, na FanZone ou en María Pita, onde a mocidade foi a gran protagonista da celebración.

Desta foi Nsongo Bil, o camerunés, o que entra na historia do deportivismo como o heroe deste ascenso xeracional, o do retorno á Liga. Aos seus 21 anos, esta é a súa segunda temporada na cidade. Natural de Yaoundé, en 2022 debutou na 2ª División, e despois de ser internacional coa sub23, fichou por un equipo da 1ª camerunesa. En agosto do 24 fichaba polo Dépor, e despois de marcar 17 goles en 50 patidos co Fabril, en xaneiro debutou co primeiro equipo en Copa. Foi en marzo en Zubieta, ante a Real B, cando marcou o seu primeiro tanto, e dende aí sumou 10 titularidades e 6 goles trascendentais para conseguir o ascenso, o seu segundo ascenso do curso despois do acadado polo Fabril.
O ano que vén, Telmo, se os prezos dos abonos non tolean, poderá ver por primeira vez na súa vida pasar por Riazor o que ata agora só puideron ver nas pantallas.

Máis novas
O colectivo #Aquítaménsefala estoupa contra a indiferenza do Real Club Deportivo

