InicioA CORUÑAA ANPA do CEIP de Prácticas volve mobilizarse ante o desleixo e...

A ANPA do CEIP de Prácticas volve mobilizarse ante o desleixo e abandono da Xunta

Publicada o

Por Redacción

“Xa non aturamos máis”. Así comeza o novo comunicado a familia da ANPA do CEIP Prácticas. As familias e o alumnado do centro de Labañou e San Roque levan dous anos de mobilizacións ante as graves carencias e deficiencias que sofre o centro. Pero é que o “desleixo e o silencio da Xunta” ante o lamentable estado no que se atopan as instalacións, está colmando a súa paciencia.

Ante esta deixadez, pais, nais e alumnado volverán manifestarse este venres 12 de xuño ás 8:40h na entrada do colexio antes do inicio das clase. Farano con EPIS e máscaras, como sinal de emerxencia para alarmar ás administracións.

Recollemos o relato destes dous anos de mobilizacións que envía a comprometida e cansada ANPA:

O relato dende a ANPA

Xa non aturamos máis. Alumnado do CEIP de Prácticas e as súas familias levan moitos
meses reclamando solucións ás graves deficiencias que sofre o centro ante o desleixo e
silencio da Xunta. Desde hai xa tempo —e con maior intensidade nos case dous últimos
anos— a ANPA do colexio trasladou ás administracións implicadas —Concello, UDC e
Xunta— as súas demandas ante o lamentable estado das instalacións e a necesidade de
melloras que garantan un ambiente seguro, saudable e axeitado para a aprendizaxe de
200 nenos e nenas.

Unha xuntanza mantida coas devanditas administracións hai xa ano e medio logrou que se foran facendo pequenos arranxos e parches, por parte do Concello da Coruña, que non foron nin moito menos dabondo para solucionar os graves problemas recoñecidos por todas as institucións e que saltan á vista de calquera que queira ollar, ademais de supor un perigo para crianzas e traballadores.

Naquela xuntanza acordouse renovar o convenio de cesión do edificio —caducado e obviado polas administracións— sen que teñamos noticia ningunha polo momento. Tamén ceder ao centro a segunda planta completa do edificio que lle fora retirada en época da COVID e que segue sen recuperarse malia o que supón a falta de espazo e de accesibilidade real á biblioteca.

Ademais, e para pór fin aos evidentes problemas estruturais, acordouse tamén facer un proxecto de reforma integral do edificio do que seguimos sen saber nada. A cada pregunta obtemos a calada e o desleixo por resposta, mentres na contorna do noso centro a Xunta leva acometido nos últimos meses importantes, custosas (e necesarias) obras de reforma de institutos públicos, e a UDC empezou xa as obras para a reforma da Escola de Náutica, a escasos metros. Ao tempo, a Consellería saca a contratación un novo paquete de 22 obras en centros educativos por máis de 5 millóns de euros no que —como era de agardar— tampouco está incluído o CEIP de Prácticas. Unha tomadura de pelo máis.

A nosa desesperación e a falta de noticias levounos a pedir amparo á Valedora do Pobo, que admitiu a finais de marzo a nosa demanda e reclamou información á Consellería de Educación sobre a situación do colexio. Como adoita, a Xunta non contestou, nin tan sequera a esta entidade, que se viu obrigada, máis dun mes despois, a volver reclamarlle o informe e a lembrarlle a “obriga legal” de enviarllo.

Por desgraza, non nos sorprende, pero a situación obríganos a retomar as mobilizacións neste final de curso para insistir nas nosas necesidades e evidenciar o maltrato ao que estamos sendo sometidos por parte das administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia. Por iso nos manifestaremos á porta do colexio o vindeiro venres 12 de xuño ás 8:40 da mañá. Por unha escola segura e digna.

A ANPA do CEIP de Prácticas insiste en coñecer a situación real do proxecto de reforma integral do centro e en reclamar que se estableza xa un orzamento e se dean prazos concretos da execución de obra. Ademais, demandamos de maneira urxente a reparación de humidades e das cubertas ante o aire infestado de fungos e microorganismos perigosos que respiran a diario as nosas crianzas.

Tamén lembramos a necesidade da renovación das ventás do edificio, da revisión da instalación eléctrica (con informe OCA desfavorable, co perigo que iso supón) e de traballos de pintado, tanto nas fachadas como no interior do centro.

Porque estamos fartos e fartas. Porque as nosas crianzas non merecen pasar por esta situación. Porque defendemos unha escola pública e de calidade. Porque non aturamos máis. Queremos un colexio seguro e digno.

Máis novas da loita da ANPA do CEIP Prácticas

Ata a Valedora do Pobo respalda as demandas da ANPA do CEIP de Prácticas

 

 

 

ÚLTIMAS

Os novos nenos do ascenso: a esperanza é branquiazul

Quen escribe esta achega tiña 10 anos o 9 de xuño de 1991. Nesa...

Yoel Quispe faleceu por un taponamiento cardíaco tras unha puñalada mortal, segundo os forenses no xuízo

Yoel Quispe, o mozo apuñalado mortalmente na Noiteboa de 2023 na Coruña, faleceu como...

A Mariña acolle Coruña acolle o exposición da 10ª edición do Museo Lar da Costa da Morte

​A Dársena da Mariña da Coruña acolle durante os meses de xuño e xullo...

Abre a venda de entradas para a actuación de Silvio Rodríguez en setembro na Coruña

O cantautor cubano Silvio Rodríguez actuará o próximo 19 de setembro na Coruña, con...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here