Chega hoxe, venres 12, á cidade a iniciativa “A túa cidade énchese de pianos”. A Fundación Occidente e o Concurso Internacional Maria Canals, aterran con oito pianos de cola que serán os protagonistas do día, enchendo as rúas e prazas céntricas da cidade coa súa música.
A Coruña será a cuarta parada da xira 2026. Os coruñeses poderán desfrutar de oito pianos de cola situados en prazas concorridas como a praza de María Pita, a praza de Lugo e a praza de Azcárraga, así como noutros lugares destacados como o Paseo Marítimo, os Cantóns e os Xardíns de Méndez Núñez.
Os pianos estarán dispoñibles para que os utilicen toda a cidadanía. Entre as 11:00 e as 20:00 horas, músicos profesionais, estudantes de música, afeccionados, nenos ou calquera persoa que queira desfrutar espontaneamente tocando ou vendo música de piano polas rúas da Coruña poderá participar neste evento cultural e participativo.
Os oito pianos estarán situados nos seguintes enderezos:
1. Praza de María Pita
2. Cantóns (Obelisco)
3. Praza de Lugo
4. Rúa de San Andrés (Praza de Santa Catalina)
5. Avenida do Porto
6. Xardíns de Méndez Núñez (lado do quiosco)
7. Praza de Azcárraga
8. Paseo Marítimo (explanada do Playa Club)
Ignacio Gallardo-Bravo, director da Fundación Occidente, subliña que «coa chegada de ‘A túa cidade énchese de pianos’ á Coruña, queremos achegar a música —e especialmente a práctica universal de tocar o piano— a toda a cidadanía. Convidamos aos coruñeses a visitar calquera destes oito pianos, gozar da música e mesmo probar a tocar nalgúns dos lugares máis emblemáticos da cidade. É unha iniciativa dinámica, aberta a todo o mundo, e confiamos en que A Coruña nos acollerá con entusiasmo e gozará dun día tan especial».
Pola súa banda, Jordi Vivancos, director do Concurso Maria Canals, afirma: «Esta iniciativa permítenos descubrir o enorme talento musical que existe nas nosas cidades».

