InicioOPINIÓNDa "Casita" de Bad Bunny á "Estanquera" de Saigón

Da “Casita” de Bad Bunny á “Estanquera” de Saigón

Publicada o

Por Rubén Pérez

Rematou o curso. É marabilloso traballar con adolescentes. Esas ganas de vida. Escoitar as súas ideas. O seu entusiasmo. Oxalá todos e todas ser adolescentes sempre, esa fame, esa rebeldía, ese afán de protesta, de estar en contra do establecido. Ser un adulto funcional é a cousa máis aburrida que existe, así que esa aula convértese nunha áncora ó tempo. Nesa aula un bo profesor non envellece, senon que é un adolescente máis intercambiando ideas, debatindo, criticando e facéndose preguntas. Dende logo, ensinar debe estar sempre unido a aprender e a non querer deixar de facelo. Nesa aula se é un ser consciente e vivo, que é moito dicir nesta vida onde os adultos parecen estar somerxidos nunha desidia anestesiante.

Unha das cousas que lles ensino ó alumnado de maior idade, ese que está a piques de saír cara os centros de formación profesional e especialmente o que se dispón a ir á  universidade é que esta, a universidade, ademais dunha institución onde se estuda moito e require moito esforzo académico, tamén representa as charlas cos compañeiros e compañeiras polas noites, en maior medida nas borracheiras dos xoves, dos venres, sábados… Non quero ser eu un profesor que enalteza o alcoholismo entre a xuventude, mais iso tamén é a universidade. É dicir, o intercambio de ideas e críticas de xeito horizontal, entre compañeiros e compañeiras, non só vertical. Así tamén se aprende e, en moitos casos, apréndese máis deste xeito que dun profesor rancio e aburrido, ese que xa deixou de aprender fai décadas, xusto cando comezou a dedicarse a ensinar. Como di un referente como José Miguel Villarroya: o ocio é revolucionario. O botellón é revolucionario. E seguindo esta tese, outro referente do marxismo leninista máis revolucionario como El Fary añadía: “deja que los chavales camelen”.

Esta mocidade, á que se graduou no instituto fai só unhas semanas e tiven oportunidade de acompañar, elixiu un tema de 1984 como Purple Rain de Prince para o video emotivo da súa posta de longo. Inspirados e inspiradas polo momento culmen da tempada 5 de Stranger Things, serie actual mais tamén ambientada na mesma década que a canción. É dicir, malia a música de masas que taladra os nosos oídos día e noite na actualidade, cando hai que escoller unha canción para un momento que recordar toda a vida, escollen un tema de fai décadas. Quizais sabedores da calidade musical que se destilaba a finais do século pasado. Xa dixemos en moitas ocasións que non hai que ser rancios, hai que fuxir da doutrina de Pérez Reverte de calquera tempo pasado foi mellor. Non é así. A música, como toda a arte, evoluciona e sobre todo, adáptase ós tempos que corren. E esta é a clave para entender a problemática actual.

Así é que, hai moita diferenza entre un cadro de Picasso a un de Caravaggio, un de Warhol a un de Rembrandt. Diferentes técnicas e resultados. Non por ser máis complexa unha obra é necesariamente mellor que outra, de feito, en moitos casos, menos é máis. A complexidade técnica non debe ser un argumento para defender ou desprestixiar un tipo de arte sobre outro, como un metalero fóra do Sham Rock que compara as letras e acordes que utiliza Maluma coas que compón Metallica. Sendo eu un fan acérrimo de bandas coma Metallica, tampouco é o mesmo o thrash metal dos 80 ou 90 que a música barroca como A Arte da Fuga ou as Variacións Goldberg de Bach. A cuestión é non poñerse farruco nin pedante no ámbito musical porque sempre che poden vir dar unha cura de humildade. A forma da arte non é o asunto, senon o contido e o propósito.

Neste sentido, desde a perspectiva da socioloxía da cultura, está claro que o que fan artistas da cultura popular hoxe en día non ten un propósito artístico senón de entretenemento, que non deixa de ser un eufemismo de económico. Ese é o gran problema e no que realmente cabe a crítica: a perda da búsqueda artística e de significado pola búsqueda económica como primeiro e case único obxectivo da industria, neste caso musical, posmoderna. Así como a complexidade non representa un argumento para ensalzar ou menospreciar unha obra, tampouco debe ser así a cantidade de diñeiro que xera. Non vamos falar de tipos de arte que representan nichos e minorías que si seguen a perseguir os principios máis profundos da arte, estimular mentes, ideas e sentimentos. Senón da música popular de masas, o novo pop. E é que, xa non se fai esta música con ese espíritu rebelde adolescente, senon co espíritu máis conformista e adulto posible.

Á meirande parte da música pop chámaselle branca. Branca no sentido en que non responde a unha ideoloxía ou unha connotación política, que non se molla e evita temas conflitivos coa fin de elevar as ventas e chegar ó maior público posible. Isto obviamente é unha falacia, seguindo a Bourdieu, todo nesta vida desprende un capital simbólico cunha ideoloxía implícita arraigada a él. Moitos dos artistas pop de hoxe en día din moito máis polo que calan que polo que cantan. Se vas actuar ó Son do Camiño, amigo, estás a dicir moito máis cos feitos que cas letras simplistas e superficiais que interpretas. Así é que a música branca é máis perigosa incluso que as mensaxes abertamente fascistas, pois a maioría da poboación se escoitase música explícitamente racista, machista, homófoba e clasista rechazariaa de inmediato, mentres que o contido branco, aparentemente sen ese tipo de proclamas, cala en todos os segmentos da poboación sendo unha canle de expansión da ideoloxía hexemónica e de reproducción da súa perpetuación.

Ademais, que algo non sexa explícito non quere dicir que non vaia impregnado de ideoloxía de un ou outro xeito. Desta forma, as campañas publicitarias e de marketing con marcas que apoian un xenocidio, que intensifican o consumismo e estilo de vida capitalista e de desigualdade social, que destrozan comercios e marcas pequenas e locais, que abandeiran un canon de beleza irreal que interfire na concepción da beleza e a autoestima das persoas, que danan ecosistemas e o medio ambiente, actuacións en concellos onde goberna a extrema dereita ou produtores musicais con fins partidistas que moven carreiras dun xeito ou outro según sexa o interés económico son algúns exemplos de esta ideoloxía implícita que está lonxe de ser algo neutral. Aitana, por moito que o busque e moito ó seu pesar, non é neutral. E non o será ata que adopte unha posición antifascista, antiracista, feminista e ecolóxica, que é a verdadeira neutralidade que nola disfrazan de extremismo. O mundo non está bipolarizado, hai unha parte que está nun polo: a extrema dereita, e outra parte que se posiciona en contra, mais iso non é o outro polo, non é un extremo nin unha postura radical. É o que debe ser un ser humano por defecto.

Neste aspecto sobresae a figura de Bad Bunny. Artista de Porto Rico que fai música pop e branca (reggaeton, música urbana mezclada con música tradicional latina, etc.) que se erixe como icona das reivindicacións latinas ou de América do Sur a conservar a súa identidade e cultura. Icona da integridade. Isto non é algo que o público lle otorgou sen el querelo, foi el mismo o que realizou o espectáculo da Super Bowl estadounidense perseguindo esta etiqueta social. Non é o tema aquí discutir o talento, as aptitudes vocais e a arte que precisa unha persoa hoxe en día para ser recoñecido, mais o que fai Benito é música de entretenemento e espectáculos en vivo para bailar e desfrutar, que é algo totalmente lícito. Hai cumbia, salsa, merengue e todo tipo de música de baile feita con toda a arte do mundo, mais é lexítimo que carecendo da arte musical se dedique a facer música branca de entretenemento para as masas. Mais ollo, se fais isto e ó mesmo tempo pretendes establecerte como artista cunha mensaxe profunda e ter moral e integridade, pois poderás gañar todos os cartos do mundo entretendo a xente, mais vas levar paus por todos os lados. Acórdome que cando era cativo estábamos aficionados a ver o wrestling da WWE, ou sexa Smack Down e Raw, que é lucha libre coreografiada. Unha pantomima que como espectáculo era unha marabilla. Ahora ben, se o queremos catalogar como un deporte serio de competición e que vaia ós Xogos Olímpicos, pois… Coloquialmente podemos dicir que ti ca túa merda fai o que consideres, mais non intentes venderma a min como se fose ouro, non?

Do mesmo xeito, isto tampouco é unha cuestión de gustos, o propio Bourdieu na súa obra de 2010 O sentido social do gusto. Elementos para unha socioloxía da cultura dicía:

Contra a cultura carismática que considera os gustos […] como un don da natureza, a observación científica mostra que as necesidades culturais son produto da educación: a investigación establece que todas as prácticas culturais e as preferencias correspondentes están estreitamente ligadas ao nivel de instrución e, en segundo lugar, á orixe social.

É dicir, os gustos non xorden de forma natural, por inspiración divina. Os gustos constrúense no proceso de socialización que vamos experimentando desde que nacemos según a nosa clase social e o acceso que temos á educación e á cultura. Polo tanto, que un artista deste tipo sexa dos máis escoitados fala dos gustos que xera a sociedade na que vivimos. Fala do que a xente elixe (en realidade non elixe) escoitar. E aquí metémonos de cheo no determinismo social do capitalismo: é a xente a que entre toda a gama de artistas musicais elixe a Bad Bunny ou é a industria a que entre toda a gama de artistas musicais elixe para que se escoite máis a Bad Bunny? Temos artistas de todo o tipo, de todos os xéneros musicais, de todas as calidades artísticas, mais os xéneros e artistas máis escoitados na actualidade son artistas pop de música branca. Como dicía antes, a industria do capital a través dos produtores manexan carreiras e as impoñen en detrimento doutras. Así se explica o argumento de: fará música boa ou mala, dame igual, é a música que me fai sentir e me fai desfrutar.

En primeiro lugar, teremos que preguntarnos por que unha música concebida para non ter unha mensaxe profunda nos fai sentir ou que é iso que nos fai sentir. Sen dúbida, somos vítimas da sociedade que nos fai ser. En segundo lugar, teremos que preguntarnos por que buscamos na música un espacio de evasión para o goce e desfrute. Que razón tiña Lisa Simpson cando lle dicía ó Sr. Burns que a música popular de hoxe distrae á xente dos problemas sociais máis importantes. Entón, atopámonos cunha hipótese plausible na que a arte popular esté mercantilizada por un sistema capitalista que a utiliza como medio de entretenemento, distracción e expansión da ideoloxía imperante. E é que, se a arte se adapta ós tempos que corren, estes tempos posmodernos que fragmentan todo e se basan no hedonismo e a búsqueda de pracer egoísta e individual como di Lyotard, que forman unha cultura efémera como menciona Byung-Chul Han e se basan na única premisa de ganar cartos por encima de todo, pois podemos determinar que é unha cultura de masas que non nos fai crecer como persoas.

Mais ben, a arte non debería servir para precisamente a emancipación social? A arte non debería removernos por dentro, incentivar certa crítica social, fomentar emocións e sentimentos fortes que perduren no tempo? Tampouco fai falla ser o Che Guevara nun estudio de música ou facer o rap que escoitase Ho Chi Minh na xungla. De feito, The Rapants facendo música branca divertida e bailable, incorporando certa crítica en algunhas letras e cantando en galego son máis revolucionarios sen pretendelo que moitos profesores de galego nas aulas, e seguro que conseguen máis beneficios para a lingua. O problema está en erixirte como heroe facendo música branca nun mundo que vive nunha escala de grises. Bad Bunny na Super Bowl intentou remover conciencias, mais fixoo vestido de Zara coa intención de: “eu non vou de marca de luxo, eu son do pobo”. Pois elexiu a empresa máis capitalista do mundo, que crea pobreza e desigualdade social por canto recuncho encontra a través da deslocalización, que esclaviza a medio Sudeste asiático, que xera unha contaminación que nos rouba o futuro, que colabora indirectamente no xenocidio de Palestina, que ten as súas empregadas en folga cada dous por tres polas condicións laborais, etc. Quere ser a voz do pobo mais fai unha colección de roupa con Zara pouco accesible, a “casita” que non vamos falar de onde a sacou chea de xente rica, especialmente mulleres, ás que invita a vivir a experiencia do concerto para que formen parte do decorado con corpos irreais, fomentando desigualdades sociais de todo tipo.

Saíu na súa defensa Ester Expósito, que defendeu no programa Al Cielo con Ella de Henar Álvarez que as mulleres poden perrear ata o chan e facelo sen culpa facendo alusión á liberdade (que non emancipación). Ben, poden e deben. Se esa non é a crítica, polo menos a crítica marxista, xa sabemos que os homo erectus de Vox viven exaltados entre esvásticas e fotos de Sarah Santaolalla. Mais desde o marxismo, como ben lle respondeu en Canal Red Alejandra Martínez Velasco, xurista e politóloga, que ademais de feminista é comunista, o feminismo non pode ser só unha estética de consumo, debe ser un proxecto de emancipación radical para as mulleres, especialmente as de abaixo. Porque perrear claro que podes, o marxismo e o feminismo comunista que di Alejandra o que critica é que unha muller perreando forme parte dun ben de consumo nun decorado para ricos nun concerto que forma un produto estético de clase que distingue a mulleres ricas na “casita” e mulleres pobres no resto (as que poidan permitirse a entrada, desplazamento e hospedaxe que require este tipo de evento). Ester forma parte así do que a oprime, a súa liberade queda acotada a ser un ben de consumo, un decorado pasivo que ademais é rentabilizado pola industria capitalista. O que di Alejandra é que hai que deixar de ser suxeitos funcionales á reproducción burguesa e patriarcal. A “casita” non é máis que un obxecto burgués de reproducción social. Con todo, a politóloga añade: “o perreo libre está moi ben para liberar o corpo o sábado pola noite mais o capitalismo séguenos oprimindo o resto do tempo a moitas de nós, probablemente a ti tamén, e o verdadeiro desexo autónomo empeza cando decidimos destruir o taboleiro de xogo que nos destroza a nosoutras todos os días”.

Isto, en socioloxía da cultura e tamén da comunicación e a opinión pública está máis que estudado. Autores como Marcuse cando fala da tolerancia represiva, Adorno e Horkheimer cando reflexan que a crítica que se poida facer da estrutura capitalista xa se encontra previamente acotada e naturalizada polo propio sistema para que non interfira na súa perpetuación ou o axioma de McLuhan cando di que o medio é a mensaxe. Isto é, a Super Bowl como medio xa é a mensaxe, da igual o contido, este espectáculo xa comunica consumismo e imperialismo cultural por si mesmo. O contido de Bad Bunny xa queda enmarcado dentro dese marco maior, é dicir, o contido é neutralizado dentro do contedor. O mercado capitalista absorbe este tipo de rebeldía e crítica, empaquetaas e véndeas como identidade cool para as masas.

En definitiva, esta cultura do fast food implantada en todos os ámbitos da vida estanos a cambiar a concepción e o verdadeiro significado da arte e de como a experimentamos. Todo é rápido e efémero. Sae unha canción nova (xa non álbumes), devorámola nunha semana e xa se nos olvida esperando á seguinte, pasa o mesmo coas series, a forma na que se fai o cine… Coma quen vai a un establecemento de comida rápida, pide unha hamburguesa, esta é servida nun breve espazo de tempo, cómela en menos tempo aínda e marchas. Acostumados a comer todos os días comida basura, un día probas unha boa comida e acórdaste do que é comer ben. Parece que ocorreu isto coa película de Michael Jackson. Despois de case dúas décadas morto, tivo que vir o mellor artista da cultura pop de toda a historia a poñer orde na industria e facernos o acordo do que é un artista, do que é a boa música, rompendo todos os récords dunha biopic, alcanzando o nº1 en listas de música nas plataformas, etc. Porque que consumamos na meirande parte do tempo mediocridade non quere dicir que todo o que haxa para consumir na cultura sexa mediocre, hai moita arte e moita calidade na arte de hoxe en día, o problema está en saber atopala entre tanta cultura de rápida inxesta. Hai que buscar na cultura de antes e tamén na cultura de agora, buscar o bo, buscar o que remova, o que teña unha mensaxe porque, dende logo, a “estanquera” de Saigón non compra en Zara.

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

ÚLTIMAS

A veciñanza da Agra denuncian que o acordo urbanístico consolida “unha política especulativa indecente”

Levan décadas pelexando por un parque para o seu barrio. E por agora apenas...

O Burgo marida o Jazz co Medievo

Mentres o paseo marítimo do Burgo viaxa ao Medievo co Mercado Templario, o Xardín...

Samuel Luiz, cinco anos do seu asasinato con tres condenados e novo homenaxe de recordo este venres na Coruña

Este venres cúmprense cinco anos do asasinato de Samuel Luiz, na madrugada do 3...

A veciñanza de 6 barrios únese e rescata a Festa dos Martelos

Hoxe, xoves 2 de xullo, e ata o sábado, o Martinete está de festa....

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here